3 de junio de 2026
O autor presenta unha obra sobre memoria, identidade e transformación a través da fotografía
A Casa Museo Picasso abre este martes a súa nova exposición 'Viaxe ao Mictlán' do fotógrafo Xan Quintana Urzainki. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presidiu o acto de apertura e destacou "a vontade da nosa alcaldesa, Inés Rey, para encher os espazos culturais de mostras de gran valor artístico coma esta". A mostra permanecerá aberta e con entrada libre ata o 1 de agosto.
Xan Quintana Urzainki presenta unha obra sobre memoria, identidade e transformación a través da fotografía. Segundo a mitoloxía mexicana, o Mictlán ou lugar dos mortos é o mundo onde van parar as ánimas dos defuntos despois da vida. Ao contrario que o inferno na tradición cristiá, o Mictlán non é un lugar de castigo nin de sufrimento, é máis ben un lugar de transformación onde as ánimas se van purificar e alixeirar antes de poderen alcanzar a paz ou descanso eterno. Ao chegaren ao Mictlán, as ánimas, desorientadas e atemorizadas ante o descoñecido, son agardadas por un pequeno can de pel escura e sen pelo que as acompañará e guiará no seu periplo polo inframundo.
Esta obra está fortemente marcada pola súa estancia en México, país ao que chegou en 2006 e onde permaneceu durante anos, unha etapa que influíu de maneira decisiva na súa mirada e no seu desenvolvemento creativo. Neste sentido, Xan Quintana Urzainki pode ser considerado un creador que traballa desde o autobiográfico, cunha perspectiva reflexiva sobre o paso do tempo e a experiencia vital.
A través das súas fotografías, Quintana Urzainki propón ao público un exercicio de introspección: un convite a confrontarse coa propia sombra, a desprenderse das máscaras e a emprender un proceso de cambio persoal. A viaxe convértese así nun elemento central, entendido non só como desprazamento físico, senón como experiencia transformadora na que o individuo que regresa xa non é o mesmo que partiu. En última instancia, a obra tamén abre unha reflexión arredor do misterio da morte e da súa relación inseparable coa vida, presentándoa non como un final, senón como parte dun ciclo continuo de transformación e renacemento.
Co seu traballo, Xan Quintana Urzainki consolídase como unha voz singular na fotografía contemporánea xunto a súa obra "De donde no se vuelve" (2024), un fotolibro que recolle a súa experiencia vital e creativa en México e ofrece unha reflexión profunda sobre a memoria, a identidade e a transformación persoal.

12 de junio de 2026

11 de junio de 2026

10 de junio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible