10 de xuño de 2026
A alcaldesa asistiu á preestrea do filme, que foi de entrada libre, e contou cun coloquio e con dúas actuacións en directo de Belem Tajes, autora da banda sonora do filme
A alcaldesa, Inés Rey, asistiu hoxe no teatro Colón á preestrea da curtametraxe "Corre", ópera prima no ámbito da ficción de Saamira Ganay que conta coa colaboración do Concello. O evento foi de entrada libre. A alcaldesa estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
"A Coruña é unha cidade que recoñece o talento e que está comprometida cos principios da igualdade e da xustiza. Nesta curtametraxe, reúnese todo isto a través dunha ollada singular, dura, pero moi necesaria que apela directamente ás nosas conciencias. É un orgullo como alcaldesa poder mostrar o meu apoio a proxectos así", apuntou Inés Rey.
A obra, protagonizada pola actriz Lucía Veiga, constrúe unha historia íntima arredor de Iria, Amira e a súa filla Alex: unha familia obrigada a sobrevivir nunha Coruña próxima e recoñecible, atravesada polas problemáticas sociais e pola ameaza constante da perdida de dereitos conquistados. "Nun contexto no que determinadas identidades e formas de vida quedaron fóra da lei, a curtametraxe propón unha distopía incomodamente próxima ás dinámicas sociais e políticas do noso presente", subliña o equipo do filme.
Despois da proxección, Belem Tajes, autora da banda sonora orixinal, ofreceu unha actuación en directo. Ademais, houbo un coloquio moderado por Marta Doviro e coas intervencións de Saamira Ganay (directora e actriz da curta); Lucía Veiga (actriz da curta); Sara Miranda (actriz da curta); Rodrigo Gil (presidente de Caguama - Instituto de Migracións Ecosociais); Silvia Penide (cantante e membro do colectivo LGTBIQ+) e Marga Lago (monologuista e membro do colectivo LGTBIQ+). Despois do coloquio, Tajes ofreceu unha segunda actuación.

9 de xuño de 2026

5 de xuño de 2026

4 de xuño de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible