16 de octubre de 2025
A cidade será escenario de competicións e actividades para todos os públicos en diferentes puntos do municipio, consolidando o seu liderado como destino de turismo deportivo
A cidade da Coruña converterase esta fin de semana nun verdadeiro epicentro do deporte a nivel autonómico e estatal, cunha ampla programación de eventos que abarcan disciplinas como a vela, o piragüismo, o atletismo inclusivo, a halterofilia ou o xadrez.
A previsión é que milleiros de persoas se acheguen á cidade tanto como participantes como acompañantes, nunha fin de semana que volverá demostrar o potencial da Coruña como destino de turismo deportivo e cidade acolledora de grandes eventos.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, sinalou que "A Coruña volve converterse nun gran escenario deportivo ao aire libre, cunha fin de semana chea de propostas para todos os públicos. A combinación de deporte de base, eventos nacionais e probas con vocación social fai que esta programación represente os valores que queremos impulsar desde o Concello".
Ocean Race Cidade da Coruña - Piragüismo
O sábado 18 celebrarase unha nova edición da Ocean Race Cidade da Coruña, proba de piragüismo organizada pola Federación Galega de Piragüismo. A primeira saída terá lugar ás 11.00 horas na praia de Riazor, e a segunda, ás 13.00 horas na praia de Oza.
Carreira ENKI
Tamén o sábado, ás 16.00 horas, a explanada do Parrote acollerá a carreira ENKI, proba non competitiva de carácter inclusivo organizada pola Fundación ENKI. A actividade, aberta a todas as idades e condicións, combina obstáculos adaptados e xogos participativos, co obxectivo de promover a inclusión social a través do deporte. Hai máis de 15.000 persoas inscritas nesta cita.
Concentración Nacional Mercedes W123
Entre as 14.00 e as 19.00 horas do sábado terá lugar, na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor, a décimo sétima edición da Concentración Nacional Mercedes W123, con vehículos chegados de distintos puntos do Estado.
Liga Galega de Clubs de Halterofilia
O Polideportivo Os Rosais será a sede da cuarta xornada da Liga Galega de Clubs de Halterofilia. As tandas desenvolveranse ao longo de todo o sábado, con sesións previstas ás 09.00, 11.00, 13.00, 15.00, 17.00 e 19.00 horas.
Torneo Escolar ERLAC - Xadrez
A Cidade das TIC acollerá o IV Torneo Escolar ERLAC, valedoiro para o XVIII Circuíto Galego de Promoción. Celebrarase o sábado 18 a partir das 11.00 horas, nas categorías Sub 8, Sub 10, Sub 12 e Sub 14. O sistema de xogo será suízo a sete roldas, con ritmo de 10 minutos máis 5 segundos por xogada.
Competición náutica clase J80
Durante o sábado 18 e o domingo 19 celebraranse regatas curtas da clase J80 feminino no campo de regatas próximo ao porto deportivo. Participarán tripulacións procedentes de distintos clubs náuticos do Estado.
Balonmán - OAR Coruña
O sábado 18 de outubro, ás 20.00 horas, disputarase no pavillón do Barrio das Flores o encontro correspondente á División de Honra Prata entre o Attica 21 Hotels OAR Coruña e o Trasmapi Gobycar Citubo H. C. Eivissa. O equipo coruñés xogará na casa ante o seu público nesta nova xornada da competición estatal.
Baloncesto - Leyma Coruña
O venres 17 de outubro, ás 20.45 horas, disputarase no Palacio dos Deportes de Riazor o encontro entre o Leyma Coruña e o Palmer Bàsquet Mallorca Palma, correspondente á tempada 2025/26 da Primeira FEB. O partido, que se adianta á fin de semana, supón unha nova cita co público local na casa para o conxunto coruñés.
Fútbol feminino - Dépor ABANCA
O domingo 19 de outubro, ás 12.00 horas, o Estadio Municipal de Riazor acollerá o encontro entre o Dépor ABANCA e o Atlético de Madrid, correspondente á tempada 2025/26 da Liga F. Trátase dun dos partidos destacados da xornada, cunha gran acollida prevista entre o público local, e que reforza a visibilidade do fútbol feminino de elite na cidade.
Hoquei a patíns - OK Prata: CDM e Dominicos
A cidade contará esta fin de semana con dúas citas de hoquei correspondentes á categoría OK Prata, nas que debutan os equipos coruñeses:
- Ás 18.00 h, o CDM Hockey Patines enfróntase ao Club Patí Tordera
- Ás 18.30 h, o CAA Dominicos recibe ao CH Mataró, no Pabellón de Monte Alto, situado na rúa Alcalde Sanjurjo de Carricarte
Ambos encontros supoñen o inicio da tempada para os dous clubs coruñeses na competición estatal.
Hoquei a patíns - Deportivo Liceo
O sábado 18 de outubro, ás 19.00 horas, o Deportivo Liceo recibe ao Club Patí Calafell no Palacio dos Deportes de Riazor, nun encontro correspondente á OK Liga.
O equipo coruñés chega con impulso logo da súa destacada vitoria por 3-5 ante o FC Barcelona no Palau Blaugrana, nun dos partidos máis esixentes da tempada.
Fútbol gaélico - Copa McEvoy
Este sábado 18 de outubro, ás 12.00 horas, a Cidade Deportiva Arsenio Iglesias acollerá a celebración da Copa McEvoy, un encontro homenaxe promovido polo club Fillas de Breogán no marco do seu XV aniversario.
A cita reunirá xogadoras e xogadores históricos do club coruñés e contará cun partido entre Fill@s de Breogán e Ártabr@s, recuperando así a tradición do gaélico na cidade.
Esta ampla programación deportiva é reflexo do compromiso do Goberno municipal que lidera Inés Rey coa promoción da actividade física, a inclusión e o apoio ao deporte base, federado e profesional. A aposta decidida pola organización de eventos en múltiples disciplinas contribúe a reforzar o papel da Coruña como cidade activa, saudable e referente no mapa do deporte galego e estatal, xerando tamén un impacto positivo na economía local, na proxección exterior e na calidade de vida da veciñanza.

17 de marzo de 2026

16 de marzo de 2026

14 de marzo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible