14 de outubro de 2025
As iniciativas contarán cunha achega total de 350.000 euros
O Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, firmou esta mañá os novos convenios de colaboración coas entidades seleccionadas na XII convocatoria de Deporte Solidario e Inclusivo e a na X convocatoria de Cultura Accesible e Inclusiva. Estes dous programas están impulsados en colaboración con Gadisa, no caso da convocatoria de deporte, e de Vegalsa-Eroski e a Fundación María José Jove, no de cultura.
O acto estivo presidido pola presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que estivo acompañada por Nereida Canosa, vicepresidenta da Fundación e concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, por Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, e Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes. Tamén participou no acto Bettina Kohlhaas, directora xerente da Fundación Emalcsa, así como representantes das entidades beneficiarias e dos patrocinadores de ambos programas.
"Deporte Solidario e Cultura Accesible son dous claros exemplos de como a colaboración entre administración, entidades sociais e empresas pode transformar a vida das persoa", destacou Inés Rey durante a súa intervención. "A través destes programas reforzamos esa rede de cooperación que converte á nosa cidade nun referente en inclusión, igualdade e participación", engadiu.
Rey subliñou tamén "o papel esencial de Gadisa, Vegalsa-Eroski e a Fundación María José Jove, que volven a acompañarnos para impulsar proxectos que fan da Coruña una cidade máis accesible e comprometida coa súa xente".
Décima convocatoria de Cultura Accesible e Inclusiva
O programa Cultura Accesible e Inclusiva, que chega este ano á súa décima convocatoria, consolidouse como unha das principais ferramentas municipais para fomentar a participación cultural das persoas con diversidade funcional e risco de exclusión social.
Desde a súa creación, o programa permitiu apoiar máis de 130 proxectos impulsados por entidades e colectivos cultuais da cidade, con case 61.000 persoas beneficiarias e un investimento acumulado que ronda millón de euros.
As iniciativas subvencionadas con 100.000 euros nesta edición abranguen disciplinas como a música, o teatro, a danza, as artes plásticas ou o audiovisual, sempre cun enfoque inclusivo que fomenta o acceso universal á cultura e o diálogo entre artistas, colectivos e cidadanía.
Nesta décima edición de "Cultura Accesible e Inclusiva", as 13 entidades seleccionadas e os seus proxectos son:
Deporte Solidario e Inclusivo
O programa "Deporte Solidario e Inclusivo" mantén o seu compromiso coa promoción de valores como a igualdade, a cooperación e a integración social a través da práctica deportiva.
Desde a súa primeira edición, o programa apoiou preto de 300 proxectos, cun investimento acumulado que supera os 3 millóns de euros e máis de 220.000 persoas beneficiarias, consolidándose como un referente no ámbito da inclusión a través do deporte.
As accións impulsadas cunha achega de 250.000 euros permiten que clubs, asociacións e entidades deportivas da cidade poidan desenvolver actividades accesibles e participativas, dirixidas tanto a nenos e nenas como a persoas adultas con diferentes capacidades.
Na súa XII convocatoria, o programa "Deporte Solidario e Inclusivo", financia as seguintes 24 entidades e aos seus proxectos sociais:
Un compromiso estable coa cidade e coas persoas
Con cerca de catro millóns de euros investidos desde a súa posta en marcha, os programas de Deporte Solidario e Inclusivo e Cultura Accesible e Inclusiva son hoxe un referente de colaboración público-privada e un instrumento esencial para a cohesión social na Coruña.
As entidades beneficiarias colaboran, á súa vez, co tecido asociativo e coas organizacións do terceiro sector da cidade, o que amplía o alcance destas convocatorias e converte o programa nun proxecto de cidade inclusivo, solidario e modélico. En total, ao longo das distintas edicións, establecéronse máis de 1.300 colaboracións con entidades sociais da Coruña a través dos programas Deporte Solidario e Inclusivo e Cultura Accesible e Inclusiva.
Con iniciativas como estas, o Goberno de Inés Rey reafirma o seu compromiso cunha cidade máis igualitaria, participativa e accesible, apoiando o traballo de centos de entidades que, día a día, contribúen a facer da cultura e do deporte ferramentas de transformación social.

5 de decembro de 2025

26 de novembro de 2025

18 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible