17 de setembro de 2026
O festival reunirá no Parrote a deportistas de dez países e combinará competición de alto nivel, actividades abertas ao público e unha ampla programación para toda a familia
O peirao do Parrote acollerá entre os días 18 e 20 de setembro Graviteo A Coruña 2026, un festival de deporte urbano que converterá a fachada marítima da cidade nun gran escenario para a escalada e o parkour. O evento reunirá competición internacional, participación cidadá e actividades abertas ao público nun recinto de acceso gratuíto.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou a importancia dunha cita que segue consolidando a posición da cidade dentro do calendario deportivo estatal. "Graviteo é un magnífico exemplo da capacidade da Coruña para acoller eventos innovadores, atractivos para a mocidade e cunha enorme capacidade de proxección exterior. Durante tres días volveremos situarnos no mapa internacional dos deportes urbanos grazas a unha proposta que une deporte, espectáculo e participación cidadá", sinalou.
A rexedora puxo tamén en valor a utilización do espazo portuario como escenario para este tipo de iniciativas. "O Parrote volverá demostrar o enorme potencial da nosa fachada marítima como lugar para acoller grandes eventos. Graviteo ofrece novas experiencias deportivas e de lecer nunha contorna única", afirmou.
O festival contará con catro grandes competicións. A principal será a Psicobloc Master Series, na que dezaseis especialistas internacionais, oito mulleres e oito homes, competirán sobre un muro de 16 metros instalado sobre o mar sen cordas nin arneses. Tamén se disputarán o Open Internacional e Open Galego de Escalada de Velocidade, o Open de Boulder, con categorías de base, absolutas e paraescalada, e o Campionato de España de Parkour, nas modalidades de Speed e Freestyle.
Entre as figuras convidadas destacan nomes como Chris Sharma, embaixador da Psicobloc Master Series e unha das grandes referencias mundiais da escalada; Julia Chanourdie, terceira muller da historia en completar unha vía de grao 9b; ou Marta Gutiérrez, unha das principais especialistas españolas en parkour. O festival contará ademais con representación de deportistas procedentes de dez países.
A programación arrancará o venres coa visita institucional e as primeiras competicións de boulder e parkour. O sábado concentrará as finais da escalada de velocidade e da Psicobloc Master Series, mentres que o domingo se disputarán as finais do Campionato de España de Parkour e do Open Galego Xuvenil de Velocidade.
Ademais da vertente competitiva, Graviteo ofrecerá unha ampla zona de lecer con gastronomía, música e actividades paralelas. O domingo está prevista a Boulder Experience, unha actividade gratuíta dirixida a nenos e mozos de entre 10 e 17 anos que lles permitirá iniciarse na escalada a través de talleres impartidos pola Agrupación de Montañeiros Independentes.
"Eventos como Graviteo contribúen a diversificar a nosa oferta deportiva e turística, atraen visitantes, xeran actividade económica e proxectan unha imaxe moderna e dinámica da Coruña. Por iso seguimos apostando por incorporar á cidade propostas innovadoras capaces de chegar a públicos moi diferentes", concluíu Inés Rey. A organización prevé unha importante afluencia de público ao longo das tres xornadas, consolidando Graviteo como unha das grandes citas deportivas e de lecer do calendario coruñés.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible