11 de agosto de 2026
Inés Rey destaca que a homenaxe recoñece “a unha das persoas máis populares e queridas da cidade e do barrio”
O barrio da Gaiteira renderá homenaxe este venres 14 de agosto a Cañita Brava, unha das figuras máis populares e queridas vinculadas á historia recente do barrio. O acto, organizado polo Concello da Coruña e pola Asociación Veciñal e Cultural Oza-Gaiteira-Os Castros, terá lugar ás 19.00 horas na rúa da Gaiteira e forma parte da programación das Festas da Gaiteira 2026.
Durante a homenaxe, á que asistirá a alcaldesa, Inés Rey, farase entrega dun diploma de recoñecemento e descubrirase unha placa conmemorativa que servirá para manter viva a memoria dunha persoa moi vinculada ao barrio e á súa identidade. Rey destacou a importancia deste recoñecemento. "Cañita Brava forma parte da memoria sentimental de varias xeracións de coruñeses e coruñesas. É unha persoa moi popular e querida que nunca esqueceu as súas raíces nin a súa vinculación coa Gaiteira, e esta homenaxe é unha maneira de devolverlle todo o agarimo que sempre recibiu da veciñanza", sinalou.
A rexedora subliñou tamén o valor da memoria colectiva nos barrios da cidade. "Os barrios constrúense a través das persoas que lles dan personalidade, que forman parte da súa historia e que deixan pegada na vida da súa xente. Preservar esa memoria é unha forma de fortalecer a nosa identidade colectiva e o noso sentimento de pertenza", indicou.
Unha fin de semana de festa na Gaiteira
As Festas da Gaiteira 2026 desenvolveranse entre os días 14 e 16 de agosto cun amplo programa de actividades culturais, musicais e familiares repartidas entre a rúa da Gaiteira e o Parque Europa.
A programación comezará o venres 14 cun pasarrúas ás 18.00 horas e coa homenaxe a Cañita Brava ás 19.00 horas. Durante a noite celebrarase unha nova edición do Lembranza Rock, que contará co pregón de Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, ás 20.30 horas e cos concertos de Zavala + Cantareiras, Loita Amada e Grande Amore a continuación.
O sábado 15 haberá pasarrúas, feira de artesanía, actividades familiares, batucada e espectáculos de rúa. Pola noite continuará o Lembranza Rock coa actuación de Boogies, Océano Eskizo, Ortiga e a sesión de Rapariga DJ.
As festas rematarán o domingo 16 cunha sesión vermú a cargo de Momboi, seguida das actuacións de Bule Bule Band e Filloas, que porán o peche á edición deste ano.

11 de agosto de 2026

10 de agosto de 2026

10 de agosto de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible