Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de agosto de 2026

A Batalla Naval volverá iluminar a baía da Coruña cun espectáculo pirotécnico de máis de vinte minutos

Un dos actos máis multitudinarios das Festas de María Pita recreará na noite do 14 de agosto a histórica defensa da cidade fronte á armada inglesa

A Coruña vivirá este venres 14 de agosto unha nova edición da Batalla Naval, un dos actos máis emblemáticos e multitudinarios das Festas de María Pita, que volverá converter a enseada do Orzán nun gran escenario ao aire libre a partir das 23.30 horas. O espectáculo recreará simbolicamente a defensa da cidade fronte ao asedio inglés de 1589, liderado por Francis Drake, un dos episodios máis destacados da historia coruñesa.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou a importancia desta cita dentro do programa festivo. "A Batalla Naval é un dos momentos máis esperados do verán na Coruña e unha das tradicións máis queridas pola cidadanía. É un espectáculo que combina historia, emoción e innovación técnica, e que cada ano reúne a milleiros de persoas arredor da nosa baía", sinalou.

O disparo será executado desde dúas localizacións diferenciadas: a contorna das Escravas, onde se concentrará a maior parte do espectáculo, e a Finca dos Mariño, na zona do Matadoiro. A montaxe está concibida para representar visualmente o enfrontamento entre as tropas inglesas e a resistencia coruñesa, coa maior intensidade de disparo situada nas Escravas, simbolizando a vitoria da cidade.

O espectáculo contará con 57 conxuntos pirotécnicos, máis de 12.000 artificios, un total de 2.594 ordes de disparo e preto de 852 quilogramos de materia regulamentada, distribuídos ao longo de máis de vinte minutos de duración. Entre os efectos previstos figuran palmeiras, crisantemos, crossettes, dalias, lentellas luminosas, fogos acuáticos e diferentes efectos dixitais sincronizados.

Un dos elementos máis destacados será a combinación de fogos aéreos con composicións terrestres deseñadas mediante volcáns, candelas e estruturas luminosas que recrearán formas dinámicas e movementos coreográficos. O espectáculo concluirá cunha gran apoteose final baseada en efectos de cor, luz e son. "Desde o Goberno municipal seguimos apostando por manter e reforzar aquelas tradicións que forman parte da identidade da cidade. A Batalla Naval é xa un dos grandes símbolos das Festas de María Pita e unha cita imprescindible do calendario cultural coruñés", indicou Inés Rey.

Restricións de tráfico

Con motivo da celebración da Batalla Naval, estableceranse restricións de tráfico na contorna do paseo marítimo para garantir a seguridade do público asistente. O Concello recomenda utilizar o transporte público ou realizar os desprazamentos a pé sempre que sexa posible e seguir as indicacións dos servizos municipais e de emerxencias.

A Batalla Naval volverá ser así o gran espectáculo da noite do 14 de agosto e un dos momentos centrais dunhas Festas de María Pita que continúan convertendo a Coruña nun dos grandes referentes culturais e festivos do verán galego.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión