17 de octubre de 2025
A Casa Museo Casares Quiroga acolle, este venres 17 e o 31 de outubro, a proxección do documental ‘Los días azules’ e o recital poético ‘En un lugar limítrofe’, dous diálogos interdisciplinares sobre as pegadas da creación e o exilio
Volve Nexos e faino con dúas propostas de altísimo nivel. O ciclo, organizado polo Concello da Coruña e a Asociación Cultural AÏS, dedicado á intervención e a recuperación da memoria a partir do encontro entre distintas disciplinas artísticas, presentará as obras de dous puxantes creadoras españolas como Elsa Moreno e Laura Hojman. Coas pegadas de María Casares e Antonio Machado como protagonistas, proponse un diálogo coa creación contemporánea e a investigación escénica.
Este venres 17 de outubro, ás 19.00 horas, a Casa Museo Casares Quiroga acollerá a proxección de 'Los días azules', o galardoado documental de Laura Hojman en torno ao legado poético e a vida de Antonio Machado. A película, que pasou con éxito por varios festivais nacionais e internacionais e obtivo 6 premios ASECAN (Asociación de Escritoras e Escritores Cinematográficos de Andalucía), estreouse en 2020 para conmemorar o 80 aniversario da morte do poeta sevillano, falecido no exilio na localidade francesa de Collioure.
No que foi a súa segunda longametraxe, Laura Hojman aborda a vida do poeta como símbolo da España que se perdeu: un canto á importancia da cultura para a vida, para o progreso e para crear unha sociedade mellor. É unha peza poética e comprometida que reconstrúe a vida e o pensamento do escritor a través dun relato íntimo e político. Para iso, apoiouse no labor de Pedro Casablanc como actor, representando a Machado, e nos testemuños de figuras como Ian Gibson, Antonio Muñoz Molina, Elvira Lindo ou Luis García Montero.
A proxección virá acompañada da presenza da autora, quen presentará o seu proxecto e dialogará co público. A sesión será completada cunha interpretación musical en directo de 'O cant dels ocells', melodía tradicional catalá segundo a adaptación que fixo Pau Casals para violonchelo.
O venres 31 de outubro, tamén ás 19.00 horas, será a lendaria actriz coruñesa María Casares, outra representante da resistencia, o exilio e a excelencia artística, quen protagonice a segunda sesión desde a visión poética e escénica de Elsa Moreno. A creadora valenciana ofrecerá un recital itinerante baseado en En un lugar limítrofe (o seu poemario publicado pola Editorial La Imprenta en 2023), que explora o exilio emocional, a identidade difusa e a tensión entre a vontade de afecto e o peso da tradición.
Para iso, utilizará de modo moi persoal o propio espazo da Casa Museo Casares Quiroga, convertendo a arquitectura nun territorio sensible e evocador. O percorrido dividirase en dúas partes. Nunha primeira intervención ocupará diferentes habitacións da casa, activando a palabra poética a través da presenza corporal, o silencio e a atmosfera. A segunda desenvolverase na biblioteca, onde a voz da artista entrará en diálogo cos ecos de María Casares, evocando a súa forza escénica e a súa memoria como figura do exilio e da resistencia íntima. Tras o recital, producirase unha conversación aberta coa artista.
As entradas para cada sesión son gratuítas, previa inscrición no correo casasmuseo@coruna.gal ou o teléfono 981 189 856.

20 de marzo de 2026

20 de marzo de 2026

19 de marzo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible