Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de marzo de 2026

Alcuentru encherá Monte Alto de música tradicional galega e asturiana este sábado

O evento, organizado por Son d’aquí, conta coa colaboración do Concello

Este sábado, 21 de marzo, A Coruña encherase de folclore coa celebración do Alcuentru Trad-Urbán 2026 que, a través de aulas, charlas, comida e música amosarán o valor da cultura musical e oral tradicional de Galicia e Asturias. Esta iniciativa está organizada pola agrupación Son d'aquí e conta co apoio e colaboración do Concello. "A cultura propia e a nosa música tradicional é un dos eixos sobre os que vertebra a programación cultural que ideamos desde o Goberno de Inés Rey e que tan boa resposta está tendo, tanto a nivel de público como de cohesión do tecido asociativo da cidade", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. 

Este evento chega á Coruña tras anteriores edicións en Lugo ou Llanes (Asturias) e co barrio de Monte Alto e o colexio Eusebio da Guarda como grandes protagonistas xeográficos. A Agrupación Cultural Son d'aquí, que colabora coa organización encargándose tanto dalgunhas das aulas como de exercer de anfitrións na Espicha (comida) para coller forzas durante a xornada.

A apertura do Alcuentru terá lugar ás 10.30 horas, para que ás 11.00 comecen os primeiros obradoiros de baile e pandeireta, que continuarán na sesión das 12.30 horas, todos no colexio Eusebio da Guarda. A Espicha celebrarase ás 14.00 horas na sede de Son d'aquí, na rúa Santo Tomás, 40, mentres que dende as 17.30 desenvolverase unha charla cos entroidos como protagonistas, no Centro Cívico de Monte Alto. A festa terminará cunha foliada, que abrirán as Cantareiras de Son d'aquí, seguidas de Soi Panderetera, de Xixón. A xornada está aberta á participación de calquera interesado na cultura tradicional galega e asturiana, previa inscrición a través desta ligazón. 

Os obradoiros da parte galega estarán impartidos por Xabier Espasandín e Tito Iglesias, dous dos mestres das Escolas de Son d'aquí. Co repertorio de Limiñoa (Ponteceso-Comarca de Bergantiños), Iglesias encargarase das aulas de pandeireta (iniciación e avanzado), mentres que Espasandín ocuparase das de baile (iniciación e avanzado). 

Da parte asturiana encargaranse Rosa Cuervo e Xesús Torga (baile) e Raquel Vega Roza (pandereta asturiana), cun repertorio composto por Xota Tormaleo, Xota Modreiros, Palmeira, Jota Caldueño (H.ota Gallegada).

O Alcuentru Trad-Urbán é un evento que xorde da iniciativa de diferentes colectivos como oportunidade para amosar todas as similitudes e diferencias entre as músicas tradicionais e de transmisión oral entre Galicia e Asturias cunha perspectiva actual.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión