11 de junio de 2026
O Concello e a Federación Galega de Atletismo avanzan cos preparativos de cara á proba. Tanto o percorrido como a apertura do prazo de inscricións anunciaranse proximamente
O Concello e a Federación Galega de Atletismo traballan estes días nos preparativos de cara á vixésima edición da Coruña10, que xa ten fixada a súa data de celebración no calendario deste ano: será o domingo 4 de outubro do 2026.
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe do próximo regreso da que é a carreira popular máis lonxeva de todas as que se disputan na cidade herculina. Desde o ano 2007, a C10 citou na Coruña a milleiros de deportistas na súa loita contra o crono. Entre eles, lendas e atletas de notable traxectoria como Alejandro Fernández e Solange Pereira, dous dos deportistas máis laureados no palmarés oficial da proba.
Na súa anterior edición, con Hafid Rizqy e Ester Navarrete como gañadores, a carreira popular dos dez quilómetros congregou a máis de 3.500 participantes, unha das cifras máis elevadas no histórico dun evento "que non só é sinónimo de prestixio para A Coruña pola súa visibilidade a escala nacional, senón que tamén nos permite darlles amplitude ás políticas municipais para promover o exercicio físico e os hábitos saudables", indicou Rey, que tamén subliñou o impacto positivo que este tipo de eventos teñen sobre a cidade, tanto en termos de retorno económico como de potencial turístico.
O Concello e a Federación Galega de Atletismo anunciarán proximamente o percorrido homologado desta nova edición da C10, así como a apertura do prazo de inscricións.
A Volta a Oza do circuíto Coruña Corre, antesala da C10
A C10, que se disputará xa en outono, irá precedida da quinta carreira da tempada do circuíto Coruña Corre: a Volta a Oza que terá lugar o 13 de setembro.
Cun percorrido de algo máis de seis quilómetros e fixada a tres semanas de antelación sobre a C10, a Volta a Oza suporá unha primeira pedra de toque a modo de preparativos de cara á carreira dos dez quilómetros o 4 de outubro.
Nas catro citas de Coruña Corre xa celebradas este ano, o balance de participación andou arredor do milleiro de persoas participantes en todas elas ou mesmo as superou: Torre de Hércules (máis de 1.500), Matogrande - Xuxán - Sector 7 (máis de 1.000), San Pedro de Visma (máis de 1.000) e, xa a pasada fin de semana, Os Rosales (máis de 1.300).
También te puede interesar

24 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible