19 de junio de 2026
A alcaldesa participou hoxe na entrega dos VIII Premios Plan de Emprego Local (PEL), unha iniciativa da Deputación da Coruña
A alcaldesa, Inés Rey, participou hoxe na entrega dos VIII Premios Plan de Emprego Local (PEL), unha iniciativa da Deputación da Coruña que, desde hai unha década, recoñecen ás mellores iniciativas empresariais da provincia.
O acto de entrega dos galardóns, conducido pola coruñesa Alba Meijide, tivo lugar esta tarde no Coruña Estudio Inmersivo da Cidade das TIC, onde Rey puxo en valor ás galegas e galegos emprendedores "que, no seu momento, deron un paso cheo de valentía: apostar polas súas ideas para xerar riqueza e emprego na súa terra".
Acompañada polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, pola deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa García, e polo presidente do xurado desta edición dos Premios PEL, Antonio Fontenla, a rexedora fixo fincapé no papel que poden xogar as Administracións públicas para facilitar o desenvolvemento empresarial desde fases embrionarias, "aspecto que pode supor un punto de inflexión en positivo para moitos proxectos que enriquecen o noso país".
A alcaldesa amosou a sintonía existente entre Concello e Deputación en eidos como o apoio á industria e a creación de emprego. Nos últimos anos, o Goberno municipal captou máis de 8 millóns de euros para activar programas municipais de emprego e formación. Grazas a isto, máis de 1.600 persoas accederon a un posto de traballo na cidade.
"Desde o local, desde as Administracións máis próximas ao cidadán, tamén podemos facer moito polo desenvolvemento do modelo económico de Galicia. No Concello cremos neste modelo. Nos valores de cooperación empresarial que abre camiño a novas oportunidades. Por iso apoiamos a filosofía dos Premios PEL que promove a Deputación, porque naceron co obxectivo de apoiar e impulsar empresas que, ademais, axudan a transformar o noso país", indicou Rey.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible