13 de abril de 2025
O programa municipal celebra a súa maior edición con 97 alumnos e alumnas de oito centros educativos, que recibirán a autorización para vender os seus produtos no mercado do 24 de maio no Mercado de Santo Agostiño
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada pola concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Sobral, presidirá o martes, 22 de abril, o acto de entrega das licenzas de venda ás cooperativas escolares participantes no proxecto educativo "Semente: unha empresa na miña escola", unha iniciativa impulsada polo Concello para fomentar o espírito emprendedor, a cooperación e a economía social entre o alumnado de primaria.
O acto desenvolverase no Salón de Plenos da Casa Consistorial entre as 11.30 e as 12.30 horas e contará coa presenza de 97 rapaces e rapazas, membros das xuntas directivas de 16 cooperativas escolares, acompañados por 17 docentes dos oito centros educativos participantes.
Durante a xornada, cada presidente ou presidenta de cooperativa realizará unha breve presentación do seu proxecto desde o atril. Ao remate de cada intervención, recibirán de mans da alcaldesa a licenza oficial que os habilita para venderen os produtos elaborados no mercado que se celebrará o sábado 24 de maio no Mercado de Santo Agostiño, en horario de 10.30 a 14.30 horas.
Unha iniciativa pioneira que leva 18 edicións formando en valores
Desde a súa posta en marcha no curso 2007/2008, o proxecto Semente ten implicado a máis de 5.000 escolares, que constituíron ao longo de dezaoito edicións un total de 273 cooperativas escolares.
A través de módulos formativos impartidos durante o curso, o alumnado aprende a crear e xestionar a súa propia cooperativa escolar, asumindo tarefas de organización, toma de decisións democráticas, elaboración de produtos, promocion e planificación de vendas. A filosofía do programa promove tamén o coñecemento do comercio xusto, a igualdade e a responsabilidade social.
Este martes, a xornada que comezará coa tradicional fotografía institucional na escaleira de honra da Casa do Concello, tras a cal o alumnado será trasladado ao Salón de Plenos. O acto rematará cunha fotografía de grupo no interior do propio salón.
A alcaldesa destacou "o esforzo e a ilusión co que traballa o alumnado durante todo o curso", subliñando que "proxectos como Semente son unha mostra do compromiso do Concello coa educación en valores e coa formación práctica e cidadá das novas xeracións".

15 de diciembre de 2025

27 de noviembre de 2025

27 de noviembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible