20 de junio de 2025
David Odiase e Lúa Mosquetera protagonizan o último recital desta edición
Este luns 23 de xuño o auditorio do Centro Sociocultural Ágora acollerá o último recital da presente edición do ciclo Poetas Di(n)versos. Este programa, dirixido pola Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño, ofrece recitais de poetas galegos/as e foráneos/as cada mes no auditorio do Centro Sociocultural Ágora. A sesión comezará ás 20.00 horas e a entrada será de balde ata completar capacidade. Tamén será posible seguila a través da canle de Youtube de Poetas Di(n)versos.
"Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apoiando unha iniciativa xenuína e única a nivel galego que permite á cidadanía coñecer e gozar ao vivo de grandes nomes da poesía, tanto do país como internacionais", apunta Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Nesta ocasión participarán o poeta nixeriano David Odiase e a artista de Miño Lúa Mosquetera.
Poeta nixeriano membro do Colectivo de Narradores Africanos, David Odiase é un artista multidisciplinar cuxa práctica atravesa a poesía, a performance, o cinema, as instalacións, as tecnoloxías indíxenas e as metodoloxías especulativas. A súa obra involucra criticamente epistemoloxías e imaxinarios culturais de África, a miúdo buscando desmantelar narrativas hexemónicas, desafiar estereotipos, poñer en primeiro plano os sistemas de coñecemento ancestral e restituír a cultura e patrimonio africanos para alén dos discursos coloniais.
Formado na Academia de Cine de Baden-Württemberg e na Obsidian Foundation, Odiase ten amosado as súas pezas audiovisuais e performances poéticas en institucións e festivais de África, Europa e América coma o Festival Internacional de Cine Africano (Nixeria), o Festival de Poesía Zebra (Alemaña), SOMA (México), a National Poetry Library (Reino Unido), Kampnagel Hamburgo, a Haus der Kulturen der Welt (Berlín) e o Festival Internacional de Poesía de Lagos. Ademais, foi finalista no Premio Internacional da Creatividade Moza dos Emmy 2023.
Premio de Poesía Kudo Eresia-Eke, Poetry Archive Now! Wordview e Premio Ekonke, actualmente é o comisario comunitario de TrueMyVoice, un colectivo literario de máis de 500 mozos/as nixerianos/as narradores/as de historias, que foi finalista en 2024 para os Premios de Acción dos ODS das Nacións Unidas, e aos que asesora para usar a arte con fins de defensa e cambio social.
Lúa Mosquetera (Miño, 1988) é unha artista multidisciplinar graduada en Lingua e Literatura Galegas e campioa do Poetry Slam de Compostela en 2021. Ten catro poemarios publicados: Rasrás, (2018), Aunque seas rara y seas pájaro (2020), o galego Espíderman (2022) -baixo o selo de Galaxia- e El latido es un baile que siento que me estoy perdiendo (2023). En 2022 viu a luz a novela ¡Yo vivo!. O seu poema "Anorak de pel de caribú" (incluído en Espíderman) foi escollido como Mellor Poesía da Galiza 2021 polos Premios ARitmar.
Ao longo destes anos desenvolveu unha carreira escénica independente e fixo chegar a súa poesía ao público, en múltiples recitais, a través do spoken word, xénero poético que emprega a música ou o teatro. As palabras desta filóloga tratan o feminismo, a perda, a precariedade económica, a ansiedade ou o empoderamento e van habitualmente acompañadas pola música de Pablo Seijas (ukelele, piano, guitarra e voz), mesmo incorporadas en espectáculos audiovisuais.

15 de diciembre de 2025

15 de diciembre de 2025

15 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible