28 de febreiro de 2026
Os traballos levaranse a cabo nas vindeiras semanas, aproveitando o parón da actividade previo á adxudicación das novas autorizacións de uso
O Concello iniciará nos vindeiros días os traballos de renovación previstos nas hortas urbanas de Eirís, que permitirán adecuar as instalacións existentes ás demandas das persoas usuarias, ademais de incrementar o número de parcelas dispoñibles, que pasarán a ser dez máis, de 81 a 91.
Esta ampliación do número de hortas será posible grazas á reorganización da superficie dispoñible, unha medida para a que se tivo en conta a dinámica diaria das persoas usuarias con respecto ao laboreo e cultivo de cada parcela.
Outra das melloras destacadas no contexto da reforma das hortas de Eirís será a a ampliación da superficie de almacenaxe de ferramentas e materiais, coa instalación de dúas novas casetas, dotadas de pérgolas. Nesta cuestión tamén se tiveron en conta as achegas e suxerencias das e dos usuarios deste espazo, co obxectivo de ampliar os equipamentos dispoñibles para gardar enseres de traballo.
Ademais, tamén está prevista a instalación de dous depósitos de 1.500 litros, concibidos para almacenar auga da choiva ou recheo mediante mangueira. Estes dous depósitos sumaranse ao xa existente, sendo unha solución semellante á xa adoptada o ano pasado nas hortas urbanas de Novo Mesoiro, con bos resultados.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, puxo en valor esta actuación nas hortas de Eirís, "que axudará a mellorar este espazo comunitario e a dar resposta ás necesidades das persoas que fan uso deste espazo de cultivo persoal", co que o Concello busca fomentar a participación cidadá e a aposta pola agricultura sostible na paisaxe urbana.
As actuacións desenvolveranse ao longo das vindeiras semanas, aproveitando o parón de actividade previo á adxudicación das novas autorizacións de uso. Neste sentido, a previsión dos servizos municipais é que a reapertura das hortas sexa a inicios do mes de abril.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible