27 de mayo de 2025
As intervencións, que arrincarán ao longo do mes de xuño, levaranse a cabo no treito entre Almirante Cadarso e Almirante Eulate, dando así resposta a unha solicitude da veciñanza do barrio
O Concello iniciará nas vindeiras semanas as obras previstas na rúa Julio Rodríguez Yordi, na contorna de Riazor, onde se acometerán melloras de accesibilidade no treito entre Almirante Cadarso e Almirante Eulate, dando así resposta a unha das principais solicitudes da veciñanza nesta parte do barrio.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou hoxe o contexto desta actuación, coa que se busca dar unha uniformidade estética ao conxunto de Julio Rodríguez Yordi, ampliar os espazos peonís e que o ancho de beirarrúa sexa o mesmo ao longo de toda a rúa, facilitando así o paso ás persoas con mobilidade reducida.
Díaz precisou que, a día de hoxe, no treito entre Almirante Cadarso e Almirante Eulate "é fundamental actuar porque o ancho das beirarrúas é sensiblemente menor ás do treito que chega a Almirante Lángara, coas dificultades que isto supón para persoas que van en cadeira de rodas ou que levan carriños coas crianzas, por exemplo".
As beirarrúas que se remodelarán son, a día de hoxe, de menos de metro e medio de ancho. Coa reurbanización da rúa renovaranse os materiais -con baldosas de granito- e pasarán a ser de máis de dous metros de ancho en ambas as marxes da rúa. "Isto é posible polas dimensións dos espazos de estacionamento e do carril de circulación central, que pola súa amplitude permitirannos ampliar as beirarrúas e gañar superficie para o tránsito peonil", explicou Díaz, que subliñou que a actuación non suporá, en ningún caso, a perda de espazos de estacionamento.
En paralelo, tamén se mellorará a accesibilidade no paso peonil con Almirante Eulate, "tamén co obxectivo de facilitar o paso das persoas con mobilidade reducida ou con dificultades de visión", unha medida que, como vén sendo habitual neste tipo de intervencións, implicará a disposición de pavimentos diferenciados, con losetas podotáctiles.
Ademais, no contexto dos traballos, o Concello aproveitará para renovar a rede de augas residuais existente na rúa, construír novos pozos para a recollida de pluviais e, xa a posteriori -dado que será preciso picar no pavimento para concretar estas actuacións-, renovarase o firme da calzada con formigón.
A actuación enmárcase dentro da estratexia posta en marcha polo Goberno de Inés Rey de melloras en todos os barrios da cidade. O investimento previsto polo Concello é de 218.000 euros.
Os traballos comezarán ao longo do mes de xuño
O calendario de actuacións en Julio Rodríguez Yordi arrincará ao longo do vindeiro mes de xuño. Noemí Díaz apuntou que a intervención estaba prevista para este segundo trimestre de ano, mais agardouse a xuño "porque a rúa é un punto habitual de aglomeracións cando o Deportivo xoga como local en Riazor e esta fin de semana será o último partido da tempada no estadio municipal".

17 de diciembre de 2025

14 de noviembre de 2025

11 de noviembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible