24 de marzo de 2026
O Goberno reforzará o control de accesos, a peonalización e a protección do aparcadoiro residencial na zona
O Concello realizou un calendario de actuacións para mellorar a mobilidade, o control de accesos e o estacionamento na Cidade Vella. O obxectivo é que a nova plataforma tecnolóxica de ordenación do sistema mediante cámaras estea plenamente operativo antes do verán.
A primeira fase comezará en maio, coa posta en marcha dunha nova aplicación que lles permitirá ás persoas residentes xestionar de forma máis sinxela os seus permisos de acceso, tanto presencialmente como a través do ordenador e do teléfono móbil. A través desta ferramenta, poderán tramitar tanto autorizacións permanentes como accesos temporais, cun sistema máis áxil e adaptado ás necesidades do barrio.
"A nosa tarefa é facer a vida máis fácil aos veciños e veciñas da zona, que son os que teñen que ter prioridade cando pensamos na planificación urbana. Por iso, o Goberno de Inés Rey avanza cara a un sistema moderno que poida garantir o uso correcto dos aparcadoiros e evitar a ocupación de prazas dos vehículos sen permiso", subliñou a concelleira de Mobilidade e Infraestruturas, Noemí Díaz.
En paralelo, e en liña coas demandas trasladadas polos veciños e veciñas, o Concello reforzará as medidas para facer efectiva e perfeccionar o funcionamento da ZBE e a peonalización. Para iso, melloraranse os controis tecnolóxicos e policiais, revisarase a sinalización e actualizarase o censo de tarxetas e autorizacións de residentes e vehículos habilitados.
Entre as actuacións xa iniciadas, figura a revisión das matrículas dos vehículos que actualmente cumpren os requisitos de acceso, é dicir, os vinculados a residentes da zona cuxo domicilio fiscal tamén se atopa na Cidade Vella. Esta actualización permitirá depurar a listaxe e evitar que sigan figurando vehículos transferidos a terceiros que xa non reúnen esas condicións.
Tamén se reforzará a vixilancia sobre o uso fraudulento das prazas de estacionamento reservadas a residentes. Mellorouse a efectividade no dito control no aparcadoiro do Oceanográfico-Ánimas a través da sinalización e a instalación de cámaras de seguridade con lectura de matrícula, con paneis que advirten do estacionamento só para residentes e o pintado das prazas en cor verde (de gama distinta do verde ORA). Proxéctase a extensión desta sinalización ao resto da zona de aparcadoiro para residentes da Cidade Vella. Ademais, distribuiranse novos adhesivos de residentes acordes á actualización da listaxe de vehículos autorizados.
A nova relación de vehículos autorizados comezará a funcionar en fase de probas durante o mes de maio. Ese período servirá para corrixir posibles erros e atender reclamacións ou solicitudes de ampliación de autorizacións por parte de residentes, empresas e institucións con dereito a acceder, circular ou estacionar temporalmente na Cidade Vella. A previsión é que o sistema quede plenamente implantado en xuño e con todas as garantías.
Antes da súa entrada en funcionamento definitiva, o Concello comprometeuse a desenvolver, en colaboración coa Asociación Veciñal, unha campaña específica de información sobre o funcionamento do software da ZBE e sobre os permisos especiais de circulación e estacionamento na Cidade Vella. Esta acción prestaralles especial atención a espazos sensibles, como a praza da Fariña e a praza de Santo Domingo.
Ademais, o Concello comunicoulle á Asociación Veciñal que informou favorablemente a localización de puntos de recarga para vehículos eléctricos no aparcadoiro lindeiro co Instituto Oceanográfico, dentro da concesión que actualmente tramita o Porto da Coruña.
En materia de transporte público e accesibilidade, informóuselles que se contratou o proxecto para a instalación de marquesiñas nas seguintes paradas de autobús:
IDE.180 "O Parrote, Capitanía" (onde se valorará modificar incluso a súa situación uns metros cara a onde propón a veciñanza, na actual reserva da Real Academia Galega)
IDE.482 "Mestranza -O Metrosideiro"
IDE. 177 "Hípica"
Por outra banda, o Concello informou á Asociación Veciñal da futura intervención dentro do programa integral de mantemento de beirarrúas que levará a cabo nos próximos meses a empresa responsable do mantemento. Esta intervención incluirá a reparación de todas aquelas incidencias puntuais que se detecten no barrio, logo dunha revisión previa de todas as rúas por parte da mantedora e con axuda tamén da propia asociación veciñal, que lle remitirá ao Concello unha listaxe cos puntos que xa teña localizados.

23 de marzo de 2026

21 de marzo de 2026

21 de marzo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible