Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de marzo de 2026

As obras da Xunta para demoler o viaduto da Pasaxe afectarán a seis liñas do bus urbano

O Concello vén de habilitar un mapa interactivo, xa activo na web municipal, para consultar os percorridos recomendados para desprazarse ás instalacións sanitarias, tanto en vehículo privado como en transporte público

Entre o luns 30 de marzo e o mércores 1 de abril, a Xunta de Galicia cortará ao tráfico a avenida da Pasaxe para demoler o viaduto de acceso ao CHUAC, unha intervención que esixirá a restrición total da circulación da AC-12 á altura da curva do tanatorio e que, durante o período sinalado, impedirá transitar por esta importante vía de entrada e saída da cidade.

Neste sentido, o Concello da Coruña habilitou, na páxina web municipal, un mapa interactivo que lle permitirá á cidadanía consultar os itinerarios recomendados para desprazarse ás instalacións hospitalarias do CHUAC, mais tamén aos centros sanitarios de Oza, Materno Infantil, o Centro Oncolóxico e San Rafael.

Con esta ferramenta, o Executivo local busca visibilizar, de xeito descritivo e visual, as alternativas e recomendacións de acceso cara aos devanditos centros hospitalarios, tanto dende a cidade como dende a área metropolitana, segundo os cortes que o equipo da obra e o persoal responsable autonómico dos traballos lle trasladou á Administración municipal.

No contexto da Semana Santa e especialmente durante os días que duren os cortes recoméndase usar, para entrar e saír da cidade, a avenida de Alfonso Molina (AC-11). En todo caso, para chegar ao CHUAC ou o hospital de Oza aconséllase usar a estrada do Porto ou o túnel de Eirís para, a continuación, usar o ramal de acceso desde Casabranca.

No caso do Materno Infantil, recoméndase saír da Coruña en dirección Alfonso Molina e, posteriormente, enfilar a avenida da Pasaxe polo seu sector sur, saíndo pola propia rotonda da Pasaxe. En todo caso, cómpre lembrar que tanto para desprazarse ao Materno como ao Centro Oncolóxico tamén estará habilitado o acceso pola avenida de Eirís.

Cambios nas liñas de transporte público urbano

No referente aos desprazamentos en autobús urbano, as liñas 12, 12-A e 17 circularán con normalidade dende a cidade ata o CHUAC, onde rematarán o seu traxecto e comezarán o seu percorrido en dirección ao centro da cidade, xa que non se poderán achegar ata a parada do Materno Infantil.

A liña 20 chegará ata o CHUAC dende a cidade coma sempre. A continuación, desviará o seu percorrido polo enlace de Casablanca e o túnel de Eirís cara á avenida Alfonso Molina, a glorieta da Pasaxe e a avenida da Pasaxe ata a parada do Hospital Materno, onde retomará o seu percorrido habitual cara á Pasaxe.

Do mesmo xeito, a liña 22 chegará á parada do Hospital Materno dende a Pasaxe e, no canto de continuar pola AC-12, fará un traxecto similar ao anterior pero en sentido contrario que finalizará na parada do CHUAC, e retomará aí o seu percorrido habitual cara ao centro da cidade.

A consecuencia destes desvíos, estas dúas liñas, 20 e 22, estarán reforzadas con vehículos adicionais que faciliten a conexión directa entre os centros hospitalarios e faciliten os transbordos entre as persoas usuarias que cheguen ao CHUAC e teñan como destino o Hospital Materno e viceversa.

Por outra banda, a liña 2-A cambiará de sentido na contorna do acceso ao tanatorio e nese mesmo sitio está prevista a instalación dunha parada provisional que fará de cabeceira da ruta.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión