16 de septiembre de 2026
O proxecto suporá unha mellora xeral da accesibilidade e a seguridade viaria, con colocación de mobiliario urbano, ampliación das zonas verdes e ampliación do ancho das beirarrúas
O Concello avanza coa adxudicación das obras de humanización da rúa Ramón de la Sagra cun orzamento de máis de 320.000 euros. A intervención suporá unha mellora xeral de todos os elementos desta contorna urbana e residencial, renovando os equipamentos e adaptándoa a maiores estándares de accesibilidade.
"Rúa a rúa, seguimos a facer unha cidade mellor. Máis amable, máis accesible, máis moderna e máis equipada para mellorar, en definitiva, a calidade de vida da veciñanza de todos os barrios. O proxecto de Ramón de la Sagra traerá unha transformación necesaria nunha área moi transitada aos pés dun dos principais accesos ao centro da cidade", subliñou o concelleiro de Infraestruturas, Jesús Celemín.
Entre as actuacións que se levarán a cabo, inclúense a renovación dos pavimentos para garantir, ademais dunha revalorización estética, unha maior durabilidade e comodidade para os peóns. Tamén se ensancharán as beirarrúas para facilitar o tránsito, seguindo os criterios das numerosas humanizacións que o Concello completou e segue a completar en toda a cidade.
Da mesma forma, tamén se executará unha repoboación dos elementos vexetais coa plantación de novo arboredo, ampliando a zona verde dese tramo da avenida Linares Rivas e colocando novos árbores ao longo de toda a rúa. Ademais, completarase unha renovación e reforzo dos elementos de mobiliario urbano, coa colocación de novos bancos. As redes de drenaxe mellorararanse coa instalación dunha nova rede de pluviais con conexións ampliadas e recolocando os sumidoiros. En canto ao reforzo da seguridade viaria e a mobilidade da zona, procederase á elevación dos pasos peonís existentes para minorar a velocidade dos vehículos. Trátase, en definitiva, de levar un novo itinerario peonil completamente equipado a unha zona que presentaba dificultades de accesibilidade.
Unha humanización barrio a barrio
O Concello está a levar a cabo un gran plan xeral de humanizacións en todos os barrios da cidade, moitos deles incluídos na programación do Plan de Barrios, que xa mobilizou máis de 83 millóns de euros en proxectos de mellora de contornas urbanas, cumprindo os máis altos estándares de calidade, seguridade e accesibilidade.
Actualmente, están en marcha proxectos como o da rúa Agra do Orzán, que comezou este mes cun investimento de máis de 250.000 euros, ou o da rúa Páramo, con 340.000 euros. Tamén avanza a bo ritmo a intervención a grande escala na rúa Ángel Rebollo, que está na recta final da súa primeira fase, cun desembolso de 1,5 millóns de euros. Tamén en Monte Alto están en marcha as obras en Atocha Alta, cun orzamento de máis de 360.000 euros. Noutras zonas, como o barrio de Elviña, está moi avanzada a obra da praza Manuel Guitián, con investimento superior aos 600.000 euros. Todo isto sumado a outros proxectos de redebuxo urbano como o de Sagrada Familia, que deixa un investimento no barrio de máis de 1.060.000 euros.
Entre os proxectos xa anunciados e que comezarán proximamente están as humanizacións de Antonio Viñes -actualmente en proceso de licitación e cun orzamento de case 600.000 euros- e Vicente Aleixandre -en licitación por máis de 500.000 euros-.

25 de julio de 2026

27 de agosto de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible