9 de julio de 2026
O novo contrato permitirá centralizar os servizos de son, iluminación e audiovisual dos eventos culturais da cidade, aportando maior calidade e reducindo os custes
O Consello Reitor do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), presidido polo seu vicepresidente e concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, aprobou hoxe a adxudicación do contrato dos servizos de produción de son, iluminación e audiovisual para os espectáculos organizados polo organismo municipal. O contrato foi adxudicado á empresa CEGA Audiovisuais, S.L. por un importe total de 691.719,13 euros.
Esta contratación permitirá unificar baixo un único servizo a produción técnica dos principais eventos culturais promovidos polo IMCE, garantindo unha maior coordinación, eficiencia e capacidade operativa na organización da programación municipal. O contrato dá cobertura a diferentes tipoloxías de actividades culturais que se desenvolven ao longo do ano en distintos espazos da cidade, desde grandes concertos multitudinarios ata programación de mediano e pequeno formato en barrios, parques e recintos municipais.
Entre os servizos incluídos atópanse os necesarios para a celebración de grandes eventos ao aire libre como os concertos do areal de Riazor vinculados ao Festival Noroeste Estrella Galicia, así como as actuacións e espectáculos das Festas de María Pita, na praza de María Pita. O contrato abrangue tamén a produción técnica doutros concertos, espectáculos e actividades culturais promovidas polo IMCE en espazos como o auditorio do parque de Santa Margarida, os xardíns de Méndez Núñez e distintos barrios da cidade.
Gonzalo Castro destacou que esta adxudicación "supón un paso importante para mellorar a planificación e a xestión técnica da programación cultural que impulsa o Goberno de Inés Rey, permitindo contar cun marco estable para a prestación de servizos fundamentais en materia de son, iluminación e audiovisual". Ademais, sinalou que esta fórmula facilitará "unha maior coordinación dos recursos e unha resposta máis áxil ás necesidades dos diferentes eventos que organiza o Concello ao longo do ano".
A empresa adxudicataria obtivo unha puntuación de 93,80 puntos sobre 100 no proceso de licitación, tras ser considerada pola Mesa de Contratación como a oferta mellor valorada. O contrato contempla a prestación de servizos técnicos para cinco categorías diferentes de espectáculos, adaptadas ás necesidades de aforo, dimensión e características de cada evento, desde grandes citas con asistencia prevista de ata 60.000 persoas ata actividades culturais de menor formato organizadas en espazos interiores e exteriores da cidade.
Desde o Goberno de Inés Rey sinálase que esta medida contribúe a reforzar a capacidade organizativa da programación cultural municipal, facilitando a produción técnica dun calendario de actividades cada vez máis amplo e diverso e consolidando a aposta da cidade por unha oferta cultural de calidade ao alcance de toda a cidadanía.

9 de julio de 2026

8 de julio de 2026

8 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible