21 de noviembre de 2025
As poñentes abordaron o fenómeno desde as perspectivas psicolóxica, sanitaria e xurídica, destacando tamén os avances que supón a LOPIVI para o recoñecemento das crianzas como vítimas directas
A concelleira Nereida Canosa alertou na apertura do avance dos discursos negacionistas e das súas consecuencias para as vítimas, facendo fincapé na violencia vicaria
O salón de actos da Fundación ONCE acolleu hoxe a Xornada Formativa "Menores vítimas de violencia de xénero e violencia vicaria" , organizada polo Concello da Coruña no marco da campaña municipal do 25N. A sesión, que esgotou prazas, reuniu a profesionais dos ámbitos social, educativo, sanitario, policial e xurídico, así como alumnado universitario de ciencias sociais e da saúde.
Na apertura institucional, a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, alertou do avance dos discursos negacionistas sobre a violencia de xénero e reivindicou a necesidade de reforzar a prevención e a protección das vítimas. Insistiu en que "o negacionismo non é unha opinión máis, senón un perigo para a seguridade das mulleres e das crianzas", e salientou que a violencia vicaria "constitúe unha das expresións máis cruéis de maltrato, pois emprega ás fillas e fillos para prolongar o dano".
O achegamento experto: psicoloxía, saúde infantil e abordaxe xudicial
A xornada contou coa participación de tres referentes que ofreceron unha análise interdisciplinar do fenómeno:
As tres poñentes puxeron especial énfase nos avances introducidos pola Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e a Adolescencia fronte á Violencia (LOPIVI), destacando que esta normativa supón un salto cualitativo ao recoñecer ás crianzas como vítimas directas da violencia vicaria e da violencia de xénero, reforzar os protocolos de coordinación e incrementar as esixencias de protección institucional.
Un auditorio completo e multidisciplinar
A participación superou as expectativas, con aforo completo e presenza de profesionais dos servizos sociais municipais, unidades policiais especializadas, persoal sanitario, profesorado, entidades sociais, equipos de atención á infancia e alumnado universitario, reflectindo a necesidade de abordaxes transversais e coordinadas.
Unha actividade integrada na programación municipal do 25N
A xornada insírese na programación do 25N presentada esta semana pola alcaldesa Inés Rey xunto coa concelleira Nereida Canosa, unha campaña que dedica un dos seus eixos á violencia exercida contra as e os menores e, de forma específica, á violencia vicaria. Na presentación institucional, a rexedora puxo o foco nesta como unha das formas máis extremas da violencia machista e destacou a necesidade de reforzar os recursos de atención ás vítimas. Alertou tamén do perigo dos discursos negacionistas, especialmente entre a mocidade, por contribuíren a invisibilizar a violencia específica que sofren as mulleres e as crianzas polo feito de selo.
O programa municipal inclúe accións formativas, contidos educativos, teatro, obradoiros infantís, espazos comunitarios e actividades culturais en diferentes equipamentos municipais, sempre baixo o lema "Non hai escusas".

3 de diciembre de 2025

25 de noviembre de 2025

17 de noviembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible