Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

3 de marzo de 2026

O Concello da Coruña destina máis de 200.000 euros a axudas sociais a través do programa Coruña Acompaña da Fundación Emalcsa

A comisión de seguimento fixo un balance positivo dos programas en 2025 e destacou a efectividade da resposta rápida ás axudas de emerxencia sociais

O programa Coruña Acompaña, impulsado polo Concello a través da Fundación Emalcsa, celebrou a súa comisión de seguimento. O encontro reuniu a representantes de ambas institucións xunto á Asociación Participa e á Fundación María José Jove, co obxectivo de revisar os resultados obtidos en 2025, analizar o avance de todos os programas en curso e planificar as liñas de actuación para o exercicio 2026. 

Participaron na comisión Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade e a directora da Fundación Emalcsa, Bettina Kohlhaas, ademais de outros técnicos municipais. Asistiron tamén representantes da Asociación Participa e da Fundación María José Jove.

O programa A Flote, un dos eixos centrais da aposta social da Fundación Emalcsa, impulsado polo Concello, pechou 2025 con 217 axudas de emerxencia social concedidas a 182 familias, por un importe total de 179.721 euros.

Programa A Flote, nove anos de resposta á emerxencia social

Os datos do programa A Flote representan un incremento do 5,3% no número de axudas e do 19,3% no importe total respecto ao exercicio anterior, o que reflicte un aumento na intensidade das necesidades atendidas. Desde a súa posta en marcha en 2016, o programa mobilizou un total de 1.996.421,75 euros en axudas, atendendo a 2.759 unidades familiares en situación de vulnerabilidade. No 90,5% dos casos, as familias recibiron unha única intervención, o que confirma o carácter puntual e transitorio das axudas, aliñado co obxectivo do programa de actuar como ponte ata que se activen outros recursos de carácter máis permanente.

As axudas destinadas a vivenda e aloxamento representan conxuntamente o 40,2% do total, mentres que as bolsas de comedor escolar recuperaron un peso central en 2025, acadando o 55,1% do importe concedido. O incremento en comedores (de 66 axudas en 2024 a 101 en 2025) responde ao maior número de menores con intervención activa nos Servizos Sociais Municipais que non poden acceder ás bolsas ordinarias do Concello pola súa situación administrativa.

Programas Norte e Pares: apoiando a saúde mental da nosa mocidade

A comisión incluíu tamén a presentación do resumo anual 2025 dos programas Norte e Pares, impulsados pola Fundación María José Jove en colaboración co Concello a través da Fundación Emalcsa e da Asociación Participa para a Inclusión Social.

Norte e Pares constitúen programas de máxima actualidade dentro do marco Coruña Acompaña por unha cidade máis igualitaria. NORTE é un programa de apoio social e emocional para persoas mozas con problemáticas que implican risco para a súa integridade física e/ou estabilidade emocional, social e física. NORTE remata 2025 cun total de 171 derivacións. Durante o ano 2025 consolidouse a incorporación dos participantes do Hospital de Día de Psiquiatría, cunha adaptación da programación que posibilita que o equipo se desprace ao Hospital a metade do ciclo. Iso supón asegurar a participación da mocidade máis afectada, na súa maioría incluso hospitalizada en planta.

PARES é un programa de intervención sociocomunitaria dirixido á mocidade que inclúe sesións grupais con cans, actividades complementarias e seguimento, promovendo o benestar social e emocional dos participantes a través da interacción con mascotas. No seu primeiro ano de andaina foi posible un aumento do cupo de participantes co fin de dar cabida á lista de agarda xerada, chegando aos 72 participantes e a unha posterior bolsa de voluntariado daqueles beneficiarios que tras a finalización do programa quixeron seguir vinculados ao mesmo.

A comisión debateu as propostas de mellora derivadas do balance do ano en curso, co obxectivo de consolidar o impacto das dúas iniciativas e reforzar as sinerxías entre as entidades implicadas e a Concellería de Benestar Social. "Inés Rey pediunos desenvolver programas de apoio para incidir na igualdade de oportunidades sen deixar a ninguén atrás, e é o que estamos a facer tamén con estas accións", indicou a concelleira Nereida Canosa. 

Planificación para 2026

A comisión abordou tamén a revisión das previsións de gasto para o exercicio 2026, analizando a planificación orzamentaria e identificando posibles axustes ou necesidades adicionais. Así mesmo, tratáronse cuestións de procedemento relativas á xestión das comunicacións coas persoas beneficiarias, a coordinación con entidades deportivas en relación coas prazas destinadas a Servizos Sociais e unha proposta de xornada de encontro entre entidades sociais e asociacións culturais subvencionadas para mellorar o enfoque das súas actuacións.

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión