Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de novembro de 2023

No Ágora e no Fórum, as pequenas e pequenos poderán gozar con obradoiros creativos que inclúen sesións artísticas con pintura e escritura, entre outros aspectos

O Concello da Coruña oferta máis de 800 prazas para os campamentos de Nadal que terán lugar nos centros cívicos, Ágora e Fórum Metropolitano

A meirande parte das prazas, medio milleiro, están adscritas aos centros cívicos municipais. Desta forma, o Goberno de Inés Rey achegará as actividades de lecer a todos os barrios da cidade

O Concello da Coruña organiza unha nova edición dos campamentos de Nadal, cunha oferta total de 825 prazas entre os centros cívicos municipais, o Centro Sociocultural Ágora e o Fórum Metropolitano.

A través desta iniciativa, o Goberno de Inés Rey busca facilitar a conciliación familiar durante as vacacións escolares de finais de decembro e inicios de xaneiro, promovendo ademais a interrelación dos/as máis pequenos con obradoiros onde se incentiva a aprendizaxe e a creatividade das nenas e nenos participantes.

Medio milleiro de prazas nos campamentos de Nadal dos centros cívicos

A meirande parte das prazas ofertadas están adscritas aos campamentos de Nadal que se realizarán nos centros cívicos municipais. Son un total de 525, destinadas a menores de 4 a 12 anos (nacidos/as entre o 01/01/2011 e o 31/12/2019).

Os campamentos terán lugar os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro deste ano, así como os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 2024. Para participar nos campamentos terán preferencia as e os menores empadroados no Concello da Coruña. Ademais, ofertaranse prazas para menores con diversidade funcional en grao que non lles impida participar nas actividades de carácter grupal.

Está previsto un horario xeral de campamentos (10.00 a 14.00 horas), aínda que nalgúns centros tamén haberá un horario ampliado (9.00 a 14.30 horas). O prezo para as familias en horario xeral será de 26 euros; o do horario ampliado, de 32 euros.

  • Centros cívicos municipais só con horario xeral (10.00 a 14.00 h): Pescadores, San Pedro de Visma, Artesáns, Feáns, A Silva, Santa Lucía e Sagrada Familia.
  • Centros cívicos municipais con horario ampliado (9.00 a 14.30 h): Monelos, Monte Alto, Mesoiro, San Diego, Castrillón, Labañou, Os Rosales, Os Mallos, Elviña, Palavea, Cidade Vella, Eirís e Novoboandanza.

Preinscrición nos campamentos dos centros cívicos municipais

A preinscrición nos campamentos dos centros cívicos municipais poderase realizar os días 27, 28 e 29 de novembro, de dúas maneiras:

  • Preferentemente en liña a través do formulario dispoñible na web municipal de  Servizos Sociais que estará aberto desde as 00.00 horas do día 27 de novembro ata as 23.59 horas do día 29 de novembro.
  • Por teléfono, no número 604 105 493 en horario de atención das 9.00 ás 20.00 horas ininterrompidamente.

As listaxes de prerexistrados publicaranse o 1 de decembro no taboleiro de anuncios dos centros cívicos, e poderanse consultar a través do 010 e na web municipal de  Servizos Sociais . Poderanse facer reclamacións ás listas de preinscrición os días 1, 4 e 5 de decembro mediante un correo electrónico a campamentos@serviplus.org, ou chamando ao número de teléfono 604 105 493.

Xa o 7 de decembro, ás 10.00 horas, levarase a cabo o sorteo das prazas en cada un dos centros cívicos municipais. O sorteo das prazas de menores con diversidade funcional realizarase á mesma hora no Centro Cívico Municipal de Monelos. As listaxes de persoas admitidas e as listaxes de agarda publicaranse o 12 de decembro na páxina web de  Servizos Sociais , nos centros cívicos e poderán consultarse no 010.

A inscrición definitiva e o pago dos campamentos poderá facerse os días 13, 14 e 15 de decembro de dúas formas:

  • Transferencia bancaria á conta ES60 0238 8125 5206 0272 8953 do Banco Santander enviando o xustificante de pago a campamentos@serviplus.org co nome do/a menor admitido/a no campamento, centro cívico e modalidade horaria.

  • Na web de  Servizos Sociais achegando no formulario o xustificante de pago conforme se realizou a transferencia bancaria. Toda a información referente aos campamentos poderase consultar na web municipal, no 010 ou nos centros cívicos municipais.

'Descubrindo o papel': obradoiros creativos no Ágora e no Fórum

En paralelo, e a través da Área de Fomento e Promoción da Cidade, tamén se levarán a cabo os campamentos urbanos de Nadal que acollerán o Centro Sociocultural Ágora e o Fórum Metropolitano os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro, así como os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 2024.

Neste caso, ofértanse de forma específica 300 prazas -150 por centro-, destinadas a nenas e nenos nados entre os anos 2012 e 2019. Deste total de prazas, e ao igual que no caso dos campamentos nos centros cívicos, reservarase unha porcentaxe a menores solicitantes con diversidade funcional en grao que non lles impida participar nas actividades de carácter grupal.

Durante os campamentos, a rapazada poderá gozar con obradoiros creativos no que o papel será o gran protagonista. As nenas e nenos aprenderán a pintar, a escribir contos máxicos, a recortar siluetas e a achegarse, polo xeral, ao eido das artes.

Está previsto un horario ordinario das 10.00 ás 14.00 horas, con cinco posibilidades de ampliación horaria, para conciliación familiar (8.30 a 14.00; 8.30 a 14.30; 9.00 a 14.00; 9.00 a 14.30; 10.00 a 14.30 h). Para activar algunha destas modalidades, é imprescindible que haxa un mínimo de dez participantes.

O prezo dos campamentos, con horario ordinario, será de 35 euros. No referente ás opcións con ampliación horaria, serán as seguintes:

  • Opción A (10.00 a 14.30 h): 38 euros
  • Opción B (9.00 a 14.00 h): 40 euros
  • Opción C (9.00 a 14.30 h): 42,50 euros
  • Opción D (8.30 a 14.00 h): 42,50 euros
  • Opción E (8.30 a 14.30 h): 45 euros

Cando abrirá o prazo de inscrición nos campamentos de Nadal de Ágora e Fórum

Será o día 29 de novembro, a través deste formulario, que tamén se pode atopar na páxina web de  Cultura Coruña . A inscrición é directa ata cubrírense as prazas, e todo o proceso será telemático.

Unha vez enviado o formulario, a persoa solicitante recibirá un primeiro correo electrónico co xustificante de recibo da información indicada no dito formulario. E, nun prazo máximo de 24 horas, un segundo correo coa confirmación da praza (se se fai a inscrición na fin de semana, será ao longo do seguinte luns). Cando nese segundo correo se reciba esa confirmación da praza, terá que procederse ao ingreso do importe correspondente á modalidade horaria elixida, no seguinte número de conta: ES39 0182 5778 0902 0158 4988.

Unha vez aboado, a persoa solicitante terá que enviar desde a súa conta un correo electrónico a forumagora@serviplus.org co xustificante da transferencia ou unha captura de pantalla desta, que permita cotexar que o pago é correcto. O prazo para o envío do correo co xustificante bancario rematará o 10 de decembro. Xa a partir do luns 11 de decembro poderanse inscribir novas persoas participantes ata completárense as prazas ofertadas, se quedan vacantes.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión