13 de febrero de 2026
O programa Mercados Coruñeses II inclúe percorridos guiados desde o porto ata as prazas de abastos e unha mostra móvil sobre o papel histórico da muller no sector pesqueiro da cidade
O Concello pon en marcha o programa "Rutas mariñeiras" e unha exposición itinerante sobre o papel da muller na actividade pesqueira na cidade, ambas as iniciativas baixo a segunda edición do programa "Mercados coruñeses". O consistorio acaba de licitar ambas as actividades.
As rutas dos mercados de abastos (San Agustín, Elviña e Eusebio da Guarda) terán paradas explicativas en edificios e lugares emblemáticos do percorrido. As persoas participantes estarán convidadas a un aperitivo no mercado correspondente, xa que un dos obxectivos tamén é promover a gastronomía vinculada ao mar. Durante os itinerarios, os e as participantes coñecerán desde dentro a poxa de marisco de baixura e litoral e explicaránselles cuestións de interese relacionadas coa pesca. Levaranse a cabo un total de oito rutas, as catro primeiras antes do 30 de setembro de 2026 e as 4 seguintes antes do 30 de setembro de 2027. O número máximo de prazas por ruta será de 35 persoas e o mínimo de 10.
A muller na pesca
Ademais, o Concello organizará tamén unha exposición divulgativa e itinerante polos mercados da cidade, que achegará o papel histórico determinante que tiveron e teñen as mulleres no sector pesqueiro na Coruña, sempre cun ton didáctico, comprensible e atractivo. A exposición abrirase ao público ao longo do último trimestre de 2026 e permanecerá polo menos 15 días en cada un dos mercados.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible