23 de junio de 2025
A iniciativa achegará o funcionamento dos mercados municipais ao alumnado de Primaria e promoverá hábitos de vida saudables e consumo responsable
O Concello da Coruña vén de sacar a licitación o servizo para desenvolver o programa educativo "Visita o teu mercado", unha iniciativa dirixida ao alumnado dos primeiros ciclos de Primaria que busca fomentar unha alimentación saudable e o consumo responsable desde idades temperás.
Impulsado pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), o programa estrutúrase en sesións formativas nas que as crianzas visitarán mercados municipais da cidade, participarán en talleres didácticos sobre alimentación e desfrutarán dunha degustación de produtos frescos. As actividades combinarán contidos educativos e lúdicos para que os nenos e nenas coñezan de preto o funcionamento dun mercado, aprendan a identificar alimentos de tempada e comprendan a importancia de apoiar o comercio local.
Diana Cabanas, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, sinalou que "esta proposta é unha oportunidade para educar en valores de saúde e sostibilidade ao tempo que se fortalece o vínculo da comunidade escolar cos mercados da cidade".
Renovación do sistema de xeo no mercado de San Agustín
En paralelo, o Concello acometerá nos vindeiros meses a renovación do sistema de xeración e almacenamento de xeo do mercado municipal de San Agustín, unha infraestrutura compartida polas praceiras e praceiros que se atopa xa ao final da súa vida útil.
A nova instalación inclúe un xerador de xeo en escamas cunha capacidade diaria de 2.500 kg, un sistema de almacenamento con capacidade para 1.000 kg, sistema de transporte automático por sinfín, e unha unidade de frío independente con condensación por aire. Tamén se inclúe o subministro de controladores, instalación eléctrica, e adaptación da sala onde irá situada a nova máquina .
O orzamento base da actuación é de 154.791,02 euros e o proxecto será cofinanciado ao abeiro do programa de axudas para a dinamización dos mercados municipais de Galicia. Esta mellora responde á previsión de incremento da actividade comercial no mercado unha vez se incorporen novos postos, e enmárcase na estratexia municipal de modernización das prazas de abastos, con vistas á obtención do distintivo de Mercado Excelente de Galicia.

17 de diciembre de 2025

13 de diciembre de 2025

10 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible