17 de diciembre de 2025
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a solicitude do inicio do trámite de avaliación ambiental do desenvolvemento urbanístico do parque de Oza
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o outorgamento de tres dos postos do novo mercado municipal de Monte Alto, aberto á cidadanía a semana pasada. Tras a súa remodelación, a instalación volveu á actividade con 9 dos 22 postos operativos.
Agora, outros tres xa están adxudicados e alcaldesa informou esta mañá de que nos vindeiros días abrirá o prazo para a presentación de ofertas que posibilite a ocupación dos dez postos que fican baleiros. O prazo para solicitar a súa ocupación abrirase nada máis se publique a información no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
O Plan especial do parque de Oza, a trámite ambiental
Tamén este mércores, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á solicitude do inicio do trámite de avaliación ambiental con respecto ao plan urbanístico especial previsto nos soares que hai na parte superior do parque de Oza, no barrio do Castrillón.
"Foron meses intensos e de moito diálogo entre Concello, Xunta de Compensación e veciñanza para consensuar o desenvolvemento deste ámbito, no que coido que é importante contextualizar o estado no que se atopan as parcelas e as posibilidades que ofrecerá a súa reactivación para gañar usos residenciais e o que é máis importante: a ordenación axústase para que haxa un mínimo dun 10% de vivendas en réxime de protección pública, que pasarían a ser de titularidade municipal. A iso sumaríase, ademais, o feito de que o borrador do plan especial que inicia a súa tramitación permitiría gañar máis espazos libres públicos e tamén contempla a previsión de manter a antiga casa do Concello de Oza como un equipamento público, sendo como é un enclave patrimonial fundamental para entender a nosa evolución como cidade", explicou a alcaldesa, Inés Rey.
Agora, o Concello avanza na tramitación do Plan solicitando ao Goberno autonómico o inicio do procedemento de avaliación ambiental.
Novos contedores para recoller aceite e material téxtil
No referente a investimentos, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a saída a concurso da subministración de 300 contedores: 120 destinados a recoller aceites de orixe doméstica e outros 180 para recoller material téxtil.
"Son contedores de última xeración, dotados dun sistema de apertura mediante tarxeta e que tamén contan con sensores de capacidade, fundamentais para gañar eficiencia no depósito de residuos e tamén na súa recollida", indicou a rexedora.
O investimento previsto é de 774.000 euros, unha partida orzamentaria que conta con financiamento de fondos europeos.
Novo pulo á Cidade das TIC
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a transferencia da primeira partida orzamentaria comprometida polo Concello para promover a rehabilitación dos edificios cedidos á UDC para o desenvolvemento da Cidade das TIC, así como para as obras de urbanización nos seus arredores.
O convenio coa UDC foi ratificado no Pleno de xuño deste ano, coa previsión de que o Concello leve a cabo un investimento de 11,2 millóns ata o ano 2028, dividido por anualidades. Agora, farase efectivo o primeiro dos pagos, de 500.000 euros. E xa a partir do 2026, ano tras ano, farase o propio con 3,5 millóns por exercicio.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible