14 de mayo de 2026
Martirio, Isabel Dobarro e a Banda Municipal actuarán estes días nun dos espazos culturais de referencia da Coruña
O Teatro Colón converterase esta fin de semana nun dos principais epicentros culturais da cidade cunha programación variada impulsada polo Concello, que continúa a reforzar a oferta cultural estable e de calidade neste espazo emblemático. "Desde o Goberno de Inés Rey temos a consigna de ofrecer á cidadanía unha axenda de ocio e actuacións de primeiro nivel, algo que queda constatado no Teatro Colón, que acolle semanalmente funcións musicais, teatrais ou humorísticas que rexistran unha moi alta ocupación", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
A axenda arrincará o venres coa actuación de Martirio, unha das artistas máis singulares e recoñecidas da música española, que traerá ao Colón o seu inconfundible estilo, no que fusiona copla, flamenco, jazz e músicas populares. Cunha traxectoria consolidada ao longo de décadas, Martirio ofrecerá un concerto cargado de personalidade, elegancia e reinterpretación da tradición desde unha mirada contemporánea.
O sábado será a quenda do Maio Jazz, cita xa consolidada na programación musical da cidade e que se inclúe na oferta cultural do Teatro Colón, achegando ao público novas propostas e sons do panorama jazzístico. Xa o domingo, o escenario do Colón acollerá dúas citas destacadas. Por unha banda, o concerto das Letras Galegas da Banda Municipal de Música da Coruña, unha actuación especial coa que a formación municipal rende homenaxe á cultura e lingua galegas nunha das datas máis significativas do calendario cultural. O repertorio estará concibido para poñer en valor a música galega e as súas raíces.
Na mesma xornada terá lugar tamén o concerto da pianista Isabel Dobarro, intérprete de prestixio internacional, que ofrecerá unha proposta artística de gran calidade, caracterizada polo seu compromiso coa música contemporánea e coa visibilización de novas creacións.
O Concello da Coruña destaca con esta programación a súa aposta decidida por impulsar o Teatro Colón como espazo de referencia cultural, cunha oferta plural que combina grandes nomes da escena musical con iniciativas que promoven o talento, a creación e a difusión da cultura galega. "Esta fin de semana exemplifica o compromiso municipal por achegar á cidadanía unha programación diversa, accesible e de alto nivel, consolidando o papel da Coruña como cidade dinámica e referente no ámbito cultural", engadiu Castro. As últimas entradas para as actuacións de Martirio e Isabel Dobarro continúan á venda. O concerto da BMMC é gratuíto ata completar capacidade.
Intensa fin de semana musical na cidade
A programación musical da fin de semana complétase con outras propostas de gran formato noutros espazos da cidade O Coliseum acolle o concerto de Dani Martín, un dos artistas máis populares do panorama musical español, que presentará en directo os seus grandes éxitos e os temas máis recentes da súa carreira en solitario. Pola súa banda, o Palacio da Ópera será escenario da actuación de Marta Sánchez, unha das voces máis recoñecidas do pop estatal, que ofrecerá un espectáculo no que revisará os momentos máis destacados da súa traxectoria musical.
Estas citas reforzan a intensa actividade cultural da cidade durante a fin de semana, consolidando A Coruña como un referente no circuíto musical con propostas para todos os públicos e en diferentes espazos.

14 de mayo de 2026

13 de mayo de 2026

13 de mayo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible