29 de julio de 2026
A iniciativa enmárcase na campaña estatal “Una vista única. Cuídala”, impulsada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e o Grupo Social ONCE
As persoas maiores de 16 anos poderán recollelas coa súa entrada aos museos ata esgotar existencias
O Concello da Coruña participará na campaña estatal de observación segura da eclipse total de Sol do vindeiro 12 de agosto mediante o reparto gratuíto de lentes homologadas para observación solar nos Museos Científicos Coruñeses. As lentes entregaranse ás persoas maiores de 16 anos que accedan aos museos municipais ata esgotar existencias.
A iniciativa forma parte da campaña 'Una vista única. Cuídala', promovida polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e o Grupo Social ONCE para fomentar a observación segura do denominado 'Trío de Eclipses 2026-2028' e previr os riscos oculares asociados á contemplación directa do Sol. No marco desta actuación distribuiranse en toda España dous millóns de lentes certificadas, das que 300.000 serán canalizadas a través da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) entre museos, centros de investigación e entidades científicas, entre eles os Museos Científicos Coruñeses.
Os Museos Científicos Coruñeses figuran entre os centros de ciencia seleccionados para participar nesta campaña estatal, que busca achegar á cidadanía os recursos necesarios para vivir con seguridade un fenómeno astronómico histórico que converterá Galicia e, particularmente, A Coruña, nun dos puntos de referencia para a súa observación.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia desta medida para garantir unha observación segura do fenómeno. "A Coruña será un dos mellores lugares de Europa para observar a eclipse total de Sol do 12 de agosto e queremos que toda a cidadanía poida facelo con todas as garantías. Por iso, o Goberno de Inés Rey súmase a esta gran campaña estatal de observación segura e pon a disposición da veciñanza lentes homologadas e recursos divulgativos a través dos Museos Científicos Coruñeses", sinalou.
Este reparto complétase coas accións divulgativas que o Concello xa vén desenvolvendo nas últimas semanas. Entre elas atópase a distribución de caixas automontables para a observación indirecta da eclipse, destinadas ás familias con menores de 10 anos que participan nas sesións infantís do Planetario da Casa das Ciencias. Estas caixas permiten seguir o fenómeno mediante proxección, sen necesidade de mirar directamente ao Sol. Ademais, os Museos Científicos Coruñeses manteñen a disposición da cidadanía información específica sobre métodos seguros de observación, materiais divulgativos e recomendacións prácticas para a xornada do 12 de agosto.
O Concello lembra que só deben empregarse lentes certificadas conforme á norma ISO 12312-2, comprobando previamente que non presentan roturas, perforacións ou deterioros. Tamén insiste en que nunca se debe observar o Sol a través de prismáticos, telescopios, cámaras ou outros dispositivos ópticos sen filtros solares profesionais adecuados. "Queremos que a eclipse sexa unha experiencia extraordinaria para toda a cidadanía, pero tamén unha experiencia segura. A divulgación científica e a prevención deben ir da man dun acontecemento destas características", engadiu Castro.
Amplo dispositivo o 12 de agosto
O reparto das lentes súmase ao amplo dispositivo especial preparado polo Concello para o 12 de agosto. Este contempla preto de 300 efectivos de seguridade e emerxencias, reforzos no transporte urbano, aparcadoiros disuasorios nos campus universitarios e a habilitación de múltiples puntos de observación distribuídos polos barrios da cidade, todos eles identificados nun visor interactivo accesible desde a web municipal.
A eclipse total de Sol do 12 de agosto será un acontecemento excepcional que non volverá repetirse nestas condicións na cidade ata o ano 2180. A Coruña contará cunha posición privilexiada para a súa observación e espérase a chegada de milleiros de persoas para seguir un fenómeno astronómico de relevancia internacional.

23 de julio de 2026

19 de julio de 2026

14 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible