27 de mayo de 2026
A primeira das actuacións terá lugar esta noite no Coliseum coa lendaria banda Megadeth
A Coruña reforza o seu liderado como faro cultural de Galicia acollendo esta noite o concerto de Megadeth no Coliseum dentro da programación do Coruña Sounds, que hoxe presentou o seu cartel oficial no restaurante Árbore da Veira.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, asistiu á presentación e agradeceu á organización do ciclo musical que "siga apostando pola nosa cidade como sede para albergar a bandas de tanta envergadura como Megadeth, o que nos mantén na lista de cidades españolas con máis éxito para acoller eventos deste estilo". Ademais, Castro fixo fincapé na capacidade de descentralización da oferta cultural que impulsa a alcaldesa, Inés Rey, na cidade, cunha programación anual para todos os gustos e públicos. "O éxito da Coruña neste ámbito non é sorte, é traballo e constancia por parte do Goberno de Inés Rey para que a cidade xogue noutra liga en canto a cultura se refire", dixo.
Megadeth, a formación liderada por Dave Mustaine, ofrecerá un espectáculo único na cidade ao ser esta a súa xira de despedida despois de catro décadas de traxectoria. Está considerada unha das bandas máis influíntes da historia do metal, formando parte do Big Four do thrash xunto a Metallica, Slayer e Anthrax.
Máis confirmados: Alejandro Sanz e Víctor Manuel
O ciclo continuará co concerto de Alejandro Sanz o vindeiro 18 de xullo no peirao de Batería tras arrasar en Latinoamérica coa súa xira '¿Y ahora qué?'. Sanz saltou á fama en 1991 co seu disco 'Viviendo deprisa', aínda que foi no 1997 cando se lanzou á fama co álbum 'Más', considerado o disco máis vendido da historia de España. Ademais de colaborar con artistas como Alicia Keys, Tony Bennet, Alejandro Fernández ou Shakira, posúe 24 Latin Grammy e 4 estadounidenses.
Seguiralle o paso outro dos artistas de máis éxito no noso país como Víctor Manuel. A súa actuación está programada para o 12 de decembro no Palacio da Ópera. É un dos cantautores e produtores españois máis respectados do país e consolidouse como unha das principais voces da transición á democracia. O tema 'Sólo pienso en ti' ou 'La puerta de Alcalá', composto polo grupo Suburbano, convertérono nunha icona.

25 de mayo de 2026

23 de mayo de 2026

22 de mayo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible