22 de maio de 2026
Este equipamento permitirá prestar servizo ás actividades arqueolóxicas e didácticas no xacemento, e tamén funcionará como un punto de información e recepción ás persoas visitantes
O Concello avanza co seu plan de accións para a posta en valor do Castro de Elviña, un dos principais enclaves patrimoniais e históricos da cidade, e onde o Goberno de Inés Rey está a dar pasos en firme co obxectivo de visibilizar a súa actividade e mellorar a experiencia das persoas visitantes.
O vindeiro luns 25 comezarán as obras de construción do novo centro de apoio ás iniciativas arqueolóxicas e didácticas, un equipamento clave para potenciar o Castro como recurso cultural, paisaxístico e medioambiental, concibido como un espazo de asistencia ás excavacións arqueolóxicas que se desenvolvan alí no futuro e tamén como un punto de información e recepción turística.
Ademais, o centro de apoio tamén estará dimensionado para posibilitar a realización de talleres didácticos e interpretativos, unha iniciativa que xa se leva a cabo en recintos como o Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, e que no caso do Castro, se prevé de gran utilidade para achegar á cidadanía á historia do xacemento e resaltar a importancia do seu medio natural e etnográfico.
Os traballos, adxudicados á empresa Citanias e que se levarán a cabo nas inmediacións do acceso principal ao Castro, contan cun prazo de execución de seis meses. Ao longo desta semana completáronse as xestións previas e asinouse a acta de replanteo das obras.
"O Castro de Elviña é un espazo clave para entender a evolución e historia da nosa cidade. Cómpre coidalo, preservar a súa identidade e, ademais, adecuar os seus accesos para facelo máis visible a ollos da cidadanía e das moitas persoas que visitan A Coruña", indicou Rey lembrou que o Castro está aberto a visitas durante todo o ano -con horarios diferenciados nas tempadas de inverno e verán- e, ao longo do curso escolar, tamén acolle excursións dos centros educativos coruñeses.
Tres actuacións en marcha no Castro, por un valor conxunto de 700.000 euros
A alcaldesa puxo en valor esta intervención, que supón un investimento de 272.000 euros e permite ao Executivo local dar un paso máis na súa folla de ruta para mellorar o Castro de Elviña e a súa contorna, onde tamén se construirá un novo peche perimetral de protección e seguridade. Ademais, e xa máis recentemente, a Xunta de Goberno Local aprobou a saída a concurso dos traballos para acondicionar e mellorar a accesibilidade no interior e os exteriores do Castro.
Sumando estas tres actuacións, o Concello destina case 700.000 euros á revitalización do recinto, onde nos últimos anos xa se desenvolveron importantes campañas de sondaxes e excavación, deixando notables avances nas investigacións realizadas en puntos como a ladeira sur do Castro. Neste sector, tempo atrás, foi onde se acharon fragmentos de cerámica romana e proxectís de granito.
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible