Concello da Coruña

Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de xaneiro de 2018

A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol presentan alegacións para adecuar a Risga ás necesidades das persoas en situación ou risco de exclusión

A concelleira Silvia Cameán advirte da necesidade de revisar as contías das prestacións autonómicas para adaptalas á situación socioeconómica da contorna e garantir uns ingresos mínimos suficientes que dean cobertura ás necesidades básicas e o exercicio dos dereitos fundamentais das persoas perceptoras

O Concello vén de presentar, en conxunto con Santiago de Compostela e Ferrol, unha serie de alegacións ao proxecto de decreto que desenvolve a Lei de Inclusión Social da Xunta, no que atinxe á tramitación da Renda de Inclusión Social de Galicia, de cara a conseguir unha revisión que, en palabras da concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, "permita adecuar esta prestación ás necesidades das persoas destinatarias, veciños e veciñas que se atopan en situación ou risco de exclusión social". "A rede de prestacións mínimas debe chegar ao conxunto das persoas, garantindo que todas teñan uns ingresos suficientes para vivir con dignidade e conten con servizos de apoio suficientes. As políticas sociais deben estar formuladas de tal xeito que todas as persoas gañen, deben de ir dirixidas ao conxunto da poboación e ser accesibles a toda a veciñanza que, polas súas circunstancias persoais ou sociais, necesiten de tales políticas", recolle o documento rexistrado o pasado venres, que, segundo fai constar, vai dirixido a "intensificar os esforzos no combate á desigualdade e dar pasos valentes que poñan no centro ás persoas". "Do que se trata -incide a concelleira Cameán- é de desenvolver servizos públicos universais de calidade dirixidos á redución das desigualdades. Se as políticas sociais non se fan dende a perspectiva universal corremos o risco non só de que non resulten valoradas, senón que supoñan un enfrontamento pola disputa dos recursos das clases baixas ou medio baixas, cos colectivos en situación de pobreza, e así o recollemos nas nosas alegacións".

En palabras da concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, de Santiago de Compostela, Concha Fernández, "a Risga é un marco normativo a superar, moi insuficiente e con cuantías que non permiten unha vida digna e con oportunidades. É excluinte non só coas persoas migrantes irregulares, senón tamén coas persoas irregulares sobrevidas. Esta prestación está ademais excesivamente condicionada e burocratizada, por iso non chega a quen necesita nin coa axilidade que requiren as situacións de risco", o que obriga a que os concellos impulsen mecanismos propios que chegen ás persoas ás que non chega a Risga, "a pesar de que no local non ostentamos ditas competencias". Fernández sinala tamén que "non se prevé ningunha posibilidade de participación no desenvolvemento e seguimento do presente decreto, nin para as entidades locais, responsables dos Servizos Sociais Comunitarios, nin para o persoal técnico dos colexios profesionais,  nin para as entidades sociais que coñecen, orientan, asesoran; formas de participación e seguimento -engade- que están previstas noutras normativas semellantes como a Ordenanza de Garantía Básica Cidadá do Concello de Santiago ou a Renta Garantizada de Ciutadanía catalana". Na mesma liña, a concelleira de Benestar Social de Ferrol, Saínza Ruíz, destaca que este decreto da Risga "primeiramente é que está feito dun xeito unilateral pola Xunta de Galicia, sen contar co colexio profesional de traballo social, sen participación social e sen ter en conta aos concellos galegos que son os que van realmente fan o traballo dende os servicios sociais comunitarios".

O texto formula emendas ao proxecto de decreto da Xunta, encamiñadas, entre outras cuestións, a incluír "unha necesaria revisión das contías mínimas das prestacións sociais galegas". Segundo se pon de relevo no documento asinado polos tres concellos, "é responsabilidade dos poderes públicos actualizar e adecuar a contía das prestacións mínimas á situación socioeconómica da contorna e garantir ingresos mínimos suficientes para a cobertura das necesidades básicas e o exercicio dos dereitos fundamentais"; nese sentido, a responsable coruñesa de Xustiza Social e Coidados sinala que a contía das prestacións debería ser acorde co Salario Mínimo Interprofesional, que debe tomarse como criterio para a determinación das contías das prestacións sociais que se prevén na lei 10/2013. "Non se pode aceptar que no ano 2018, tendo incorporando como criterio de referencia o Salario Mínimo Interprofesional, se parta como base do tramo persoal o 75 % do IPREM, 403,38 euros", observa, en alusión ás estipulacións do decreto, do que censura que establece contías "insuficientes".

As alegaciones presentadas pola Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol cuestionan, ademais, os criterios para a valoración da situación de exclusión social ou de risco de exclusión das persoas solicitantes e censuran que o proxecto para desenvolver a lei autonómica manteña a esixencia dalgún factor de exclusión social, "o que volve deixar fóra de acceso a esta prestación dun colectivo poboacional importante que presenta como único factor a carencia de recursos económicos". "É obriga dos poderes públicos garantir de modo efectivo os dereitos fundamentais de todas as persoas, e entre eses dereitos inclúese ter unha vida digna, o que require contar cuns ingresos e servizos suficientes para poder vivir adecuadamente e unha protección que permita expectativas de futuro e a capacidade de tomar decisión de modo libre e autónomo", fan notar á Xunta os tres concellos.

O informe coas alegacións avalía tamén os criterios xerais para o caso específico das prestacións económicas para a atención das persoas en situación de dependencia, en concreto no relativo ás persoas beneficiarias da Risga que, ao tempo, perciben libranza para coidados no ámbito familiar, e ás que o decreto da Xunta aplica a regra da compatibilidade e a dedución destes ingresos. As tres administracións locais alertan de que descontar as libranzas de coidado "significa non recoñecer economicamente (e socialmente) os traballos de coidado de persoas dependentes e afonda na fenda salarial que sofren as mulleres coidadoras, e polo tanto é contrario aos principios da lei de Autonomía Persoal e da Lei de Igualdade de Galicia". No relativo ás persoas en situación de dependencia e menores de idade, o documento de alegacións sinala tamén que as contías que están a recibir ámbolos dous colectivos "non están a supor un elemento de protección social, pola baixa contía" e propoñen que non se deduza do importe da Risga ningunha prestación económica que puidesen estar recibindo calquera dos dous colectivos, é dicir, ningunha das libranzas de dependencia, as prestacións por fillos ou fillas a cargo, os acollementos familiares remunerados ou calquera outra que se puidera artellar dende empresas -hai algunhas que contemplan este tipo de prestacións dentro do convenio colectivo das persoas empregadas-, outras administracións públicas ou, mesmo, dende entidades sociais, para contribuír ao seu benestar.

Do mesmo xeito, o documento dos tres concellos advirte de que "en ningún caso a situación de residencia legal pode ser un requisito de acceso" e cuestiona tamén que o proxecto de decreto exclúa da prestación autonómica a aquelas persoas que teñan a idade mínima para poder solicitar unha pensión non contributiva por xubilación. "Unha vez máis, ponse en serios problemas ás persoas emigrantes retornadas, que tendo 65 anos, non cumpren o requisito de residencia en España para ter dereito á pensión non contributiva. Polo tanto, deberíase modificar este limite de idade e adecualo á normativa en materia de pensións", propoñen. Tamén, os tres concellos reclaman que se elimine a incompatibilidade da Risga coa pensión non contributiva ao entender que as persoas beneficiarias desta prestación atópanse nunha situación de precariedade. "Este decreto unilateral de política social contempla que a Risga e as pensións non contributivas son incompatibles, algo co que non estamos dacordo xa que as persoas con estas pensións están nunha situación de precariedade absoluta e cun salario por debaixo do mínimo interprofesional, que só adoita abondar para cubrir gastos de alimentación. Non podemos tolerar que sexa incompatible coa Risga xa que estarían deixando novamente ás persoas pensionistas nunha situación precaria e moi lonxe da situación doutras pensións galegas", censura a concelleira de Benestar Social de Ferrol, Saínza Ruíz.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión