Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de marzo de 2017

O alcalde salienta o potencial da futura Unidade Mixta de Gas Renovable que se instalará na EDAR de Bens, “unha aposta pioneira polo aproveitamento enerxético e a conservación do medio ambiente”

Xulio Ferreiro participou hoxe na xornada de presentación do proxecto, que servirá para a conversión en biometano do biogás que se xera durante durante os procesos de depuración, e do que destacou o seu "carácter colaborativo" e a súa finalidade, "que permitirá afondar na xeración de emprego e oportunidades de negocio baseado na innovación"

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou este martes na sede da EDAR de Bens na xornada de presentación da Unidade Mixta de Gas Renovable, un "proxecto innovador, pioneiro a nivel estatal, que aposta polo aproveitamento enerxético e pola conservación do medio ambiente" e que, como avanzou, se instalará na planta e permitirá a conversión en biometano do biogás que se xera  nos procesos de depuración e é desbotado. "Isto permitirá o seu aproveitamento para poder destinalo a procesos de recuperación enerxética ou ben de mobilidade sostible", salientou Ferreiro, quen vinculou este proxecto coa "enerxía limpa, a economía circular e, en consecuencia, tamén coa loita contra o cambio climático". "Estamos ante un proxecto innovador, tanto pola súa concepción, de carácter colaborativo, como no seu fin, que non é outro que afondar no aproveitamento enerxético e, polo tanto, na xeración de emprego e oportunidades de negocio baseado no ámbito da innovación",  advertiu o rexedor. A este respecto, salientou que o potencial de produción de biometano da EDAR de Bens permitiría abastecer unha parte dos vehículos que funcionan con esta enerxía na cidade, sexan buses urbanos, utilitarios ou camións de recollida de lixo, ou ben inxectar 200 metros cúbicos/hora deste combustible na rede de gas natural, "o que xeraría un aforro enerxético anual de preto de tres mil fogares ao ano". De igual xeito, sinalou que os resultados desta nova unidade "non só serán aproveitados por todas e todos os coruñeses, senón por todos os galegos e galegas, xa que con este proxecto afondamos na investigación sobre fontes de enerxía renovables e de escaso impacto ambiental".

Tal e como expuxo Ferreiro, a futura unidade mixta de gas renovable da EDAR créase a través da colaboración da empresa pública EDAR, da que forman parte os Concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros coa Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia e Gas Natural Fenosa e a entidade EnergyLab, e está suxeita a fondos europeos, "os dunha Europa que nos di que en 2020 as emisións de gases de efecto invernadoiro deben reducirse un 20%, aumentando as fontes de enerxía renovables no noso consumo final de enerxía até un 20%, e un 20% a eficacia enerxética", fixo notar. Neste sentido, puxo en valor a "idoneidade" da estación de Bens para a posta en marcha desta unidade, dado que "está creada a partir da colaboración de diferentes administracións, ao igual que a propia EDAR, unha ferramenta supramunicipal, de carácter público, nacida froito da cooperación e que hoxe depura 130.000 metros cúbicos de auga ao día que, doutro xeito, seguiría vertendo directamente ao mar sen depurar".

Na xornada, o alcalde da Coruña estivo acompañado polo director de EDAR Bens, Carlos Lamora Suárez, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a directora xeral de Persoas e Recursos de Gas Natural Fenosa, Rosa Sanz García, así como polo presidente de EnergyLab, Manuel Fernández Pellicer.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión