Concello da Coruña

Concello da Coruña

Que é?

A educación ambiental é unha dimensión da educación que persegue unha maior eficacia social e pretende ser un resorte do desenvolvemento comunitario, atendendo á conservación da calidade do medio e, polo tanto, da calidade de vida. É a educación no respecto cara á natureza e as culturas humanas, a conciencia de interdependencia entre todos os seres vivos e o seu medio, e a necesidade de actuar dende a solidariedade.

É considerada un elemento fundamental na educación global e permanente, orientada cara á resolución de problemas e que prepara para a participación social activa. A educación ambiental persegue fomentar o respecto cara aos valores naturais, sociais, culturais, éticos e estéticos; é a educación en, para e dende a diversidade.

O seu carácter innovador radica en que é fundamentalmente un movemento ético e non só unha concepción pedagóxica, que require unha renovación conceptual e metodolóxica, na que o cidadán poida comprenderse a si mesmo como unha parte integrante do medio, tendo unha visión global da realidade.

O obxectivo último é, tomando as palabras de María Novo, conseguir que as persoas desenvolvan condutas correctas respecto da súa contorna de acordo con valores asumidos libre e responsablemente.

A educación ambiental ten polo tanto un compoñente práctico importante: os comportamentos que se xeren do feito educativo teñen que ir encamiñados cara ao respecto e a mellora do medio. Na actualidade non podemos disociar esta concepción da de desenvolvemento, xa que os problemas ambientais están orixinados por unha mala xestión dos recursos e as políticas económicas liberais.

A educación ambiental non é unha materia máis que hai que introducir nos currículos. O seu ámbito non se reduce aos centros escolares, nin a unhas idades en concreto: é un proxecto ético para toda a cidadanía, dende a educación formal e non formal, en todos os estamentos e dirixida a escolares, familias, técnicos, políticos, administradores… É dicir, a toda a sociedade porque todos, e non soamente un grupo de profesionais, podemos incidir na mellora do medio ambiente.

"A educación ambiental debería contribuír a adoptar, no que respecta tanto a valores éticos e estéticos como á economía, actitudes que leven as persoas a impoñerse unha disciplina, ante todo para non menoscabar a calidade do medio ambiente, e tamén para participar activamente nas tarefas colectivas destinadas a melloralo". (Discurso de apertura do Congreso Internacional de Educación Ambiental de Tbilisi).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión