Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de setembro de 2017

O Concello pon en marcha a catalogación dos bens artísticos e históricos do cemiterio de San Amaro para "dar un paso máis na protección e promoción dun dos espazos máis emblemáticos e simbólicos da cidade da Coruña"

A Concellería de Medio Ambiente saca a concurso a contratación dunha asistencia técnica que desenvolva os traballos necesarios para proceder a creación dun inventario para o coidado e posta en valor dos bens deste espazo, que figura na rede de Cemiterios Europeos Singulares

A Concellería de Medio Ambiente, dirixida por María García, afonda nas accións emprendidas polo goberno local destinadas á promoción e protección do cemiterio de San Amaro, espazo de especial valor simbólico e emblemático da cidade, que se converteu nos últimos anos nun considerable polo de atracción turística e que pertence á rede europea de Cemiterios Singulares. Así, vén de poñer en marcha o proceso de catalogación dos bens artísticos e históricos do cemiterio coa apertura do proceso de contratación dunha asistencia técnica que realice os traballos precisos para desenvolver este fundamental documento. A adxudicataria deste contrato deberá realizar unha enumeración dos nichos, lápidas, esculturas e edificacións presentes en San Amaro e elaborar, en base ás mesmas, un inventario de cada un dos bens.

O citado inventario deberá ter como obxecto "sinalar o valor artístico e histórico de cada un dos bens citados", así como advertir das patoloxías que os mesmos poidan presentar e que sexan detectadas na fase de análise. Posteriormente, os bens inventariados serán incorporados a unha base de datos coa que se elaborará un mapa SIG (Sistema de Información Xeográfica do Cemiterio). "Non se trata dunha actuación menor. A catalogación dos bens artísticos e históricos dun dos espazos con maior valor patrimonial da cidade é fundamental de cara a lograr unha protección adecuada para o mesmo", destacou a concelleira García, que recordou as actuacións de limpeza integral e de rehabilitación e mellora que o seu departamento xa puxo en marcha o pasado ano. "Trátase dunha zona especialmente ampla polo que, dende que chegamos, estamos, de forma progresiva, a levar a cabo distintas actuacións. Entre as últimas, por poñer un exemplo, destacan as reparacións na zona norte e no lateral do cemiterio coa rúa Rafael Baixeras, ademais da rehabilitación do monumento ás vítimas da folga obreira de 1901", recordou a titular de Medio Ambiente. "Agora, con este contrato, o que queremos é que se realice unha análise daquelas partes do cemiterio que conteñen valor artístico e histórico e das que, carecendo do mesmo, forman parte do entorno e contexto dos bens aos que nos referimos", engadiu.

"Con este inventario tamén detectaremos as históricas eivas de mantemento das que adoece este imprescindible espazo", dixo María García que explicou que, en base a esta necesidade, "o Concello contratará a un equipo de traballo de carácter multidisciplinar, experimentado en traballos de campo sobre elementos de patrimonio". Este, segundo os pregos de contratación, debe estar formado, como mínimo, por especialistas en Historia da Arte, Restauración e Delineación.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión