Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de setembro de 2017

O goberno local convida á veciñanza a participar este domingo nunha limpeza fluvial en Feáns, no marco do 'Proxecto Ríos'

A edil de Medio Ambiente sinala que a medida “favorecerá que a cidadanía posúa coñecementos sobre o coidado do patrimonio natural”

O Concello da Coruña colaborará este domingo nunha nova edición da Limpeza Simultánea do Proxecto Ríos, un programa de educación ambiental que se desenvolve en 49 municipios de toda Galicia co obxectivo de dar a coñecer o papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas e fomentar iniciativas que permitan á veciñanza o mantemento e a mellora dos ríos. Así, este domingo 27, o goberno local, convida á veciñanza a participar nunha acción de limpeza voluntaria no río Feáns, na que colabora xunto á Asociación de Veciños de Feáns, Asociación das Hortas do Val de Feáns e ADEGA. Tal e como destaca a edil, a acción "enmárcase nas políticas de educación ambiental que está a desenvolver o Concello co obxectivo de facilitar o coñecemento e o contacto directo coa natureza na contorna máis próxima". "No caso desta limpeza, entendemos que, unha vez máis, desde o goberno local debemos acompañar e favorecer a realización de actuacións de sensibilización e concienciación que permitan á cidadanía ter coñecementos sobre o coidado do seu patrimonio natural", di.   

"O Mapa da Biodiversidade deu conta que a zona do val de Feáns é unha das máis zonas de maior riqueza ambiental da Coruña, de aí a importancia de poñelo en valor e achegar á cidadanía ferramentas que permitan conservar tanto este como outros cursos e ecosistemas fluviais do municipio", especificou a edil. A este respecto, a concelleira salienta que a Concellería ten, entre as súas liñas de acción, a restauración destes espazos naturais do municipio. "O goberno local está a traballar na posta en valor e recuperación, para o uso público, das ribeiras dos espazos fluviais do río Quintas, Pastoriza e do propio Feáns, de xeito que se favoreza tanto a mellora da sustentabilidade como a creación de novos espazos de lecer ", asevera.  

"Con accións como a de este domingo, a veciñanza poderá coñecer a relevancia que tiveron e teñen, a día de hoxe, estes recursos naturais dos que, desde a corresponsabilidade, debemos termar", afirma a titular de Medio Ambiente. "A Coruña é unha cidade ateigada de historia en canto ríos, aínda que, a día de hoxe, practicamente están todos agochados, como é o caso do Monelos, que nun dos seus tramos tamén é coñecido como Mesoiro", explica García, quen avanza que o Concello procederá, ademais, a limpar, de carácter inmediato, este río ao seu paso por Novo Mesoiro "ante as repetidas queixas veciñais polo estado do curso fluvial neste treito, cuxa limpeza é competencia de Augas de Galicia". "Ante o abandono da entidade responsable de levar a cabo esta actuación sexa a Xunta, este goberno intervirá, como ten feito noutras ocasións, para asegurar a salubridade deste entorno natural", asevera a edil.

A saída da Limpeza Simultánea do Proxecto Ríos, que non precisa inscrición previa, será ás 10.30 horas do Centro Cívico de Feáns e prolongarase até as 13.30 horas. Todas as persoas que desexen participar nesta xornada de voluntariado ambiental e concienciación social, deberán levar luvas, calzado e roupa resistente.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión