Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de outubro de 2017

O programa 'A Pé de Barrio' suporá a limpeza con auga a presión de 107 rúas do Distrito 7, onde se prevén actuacións de mellora en máis dun cento de zonas axardinadas

O plan municipal de mellora do espazo público aborda dende hoxe e até decembro actuacións de mantemento no Barrio das Flores, Matogrande, Polígono de Elviña, Lonzas e a contorna da estación de ferrocarril

O programa municipal de coidado intensivo do espazo público 'A Pé de Barrio' chega este luns ao Distrito 7 da cidade e suporá actuacións de mellora e mantemento no Barrio das Flores, Matogrande, a primeira e segunda fase do polígono de Elviña, Lonzas e a contorna da estación de ferrocarril. Dende a Concellería de Medio Ambiente, dirixida por María García, explican que a previsión é que dende hoxe e até o 3 de decembro, os servizos municipais aborden accións de limpeza intensiva con auga a presión en 107 rúas destes barrios. "Ademais, levaranse a cabo actuacións de coidado do espazo público que inclúen a reparación e substitución de contedores e papeleiras, a retirada de pintadas, control de pragas e reparación e reposición do alumeado público, ademais de revisións da rede eléctrica e actuacións de saneamento", comentou a responsable municipal.

Ademais, tamén se retirarán as herbas espontáneas das rúas e beirarrúas do distrito, así como se procederá a sega dos alcorques que se atopan nas zonas axardinadas e outras actuacións de mellora dos parques e xardíns da zona. En concreto, neste distrito, que conta cunha notable existencia de espazos de zona verde, actuarase en 105 zonas axardinadas.

Ao tratarse A Pé de Barrio dun plan municipal de coidado do espazo público de carácter transversal, o departamento de Rexeneración Urbana (que xa leva realizadas 22 obras neste distrito centradas na mellora da accesibilidade e a solución de demandas históricas) acometerá actuacións de eliminación de desniveis nas calzadas, así como de pavimentación e substitución de baldosas rotas nas beirarrúas. Como no resto de distritos, tamén se levará a cabo un traballo de reparación e substitución, se fose necesario, de mobiliario urbano público e tarefas de reposición e repintado da sinalética horizontal e vertical. "Este programa supón unha aposta forte polo coidado do espazo público, pero tamén polo reparto equitativo dos recursos e a atención a todas as zonas da cidade, descentralizando a acción municipal para que chegue a todos os barrios", salienta García, que recorda que 'A Pé de Barrio' percorrerá, ao longo de 12 meses, os 10 distritos da cidade.

En concreto, dende a súa posta en marcha en xullo, A Pé de Barrio actuou en catro distritos da cidade (10, 3, 1 e 7), o que se traduce en 26 barrios e 470 rúas da cidade. Como nos anteriores casos, a pasada semana, e antes de comezar co desenvolvemento do programa, a titular de Medio Ambiente e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, reuníronse coa cidadanía --neste caso no Centro Cívico de Monelos-- para presentar á veciñanza os traballos a realizar, así como recoller as súas propostas de cara a incorporalas nos plans de acción.

Ademais deste encontro directo coa cidadanía, os servizos municipais levaron a cabo tarefas previas de inspección de posibles desperfectos no barrio, así como realizaron visitas a un total de 256 establecementos de comercio de hostalería neste distrito para coñecer as súas achegas e impresións.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión