Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de xullo de 2018

O goberno local pon en marcha no barrio dos Rosales o proxecto para a creación do Bosque das Cinco Illas, un espazo de 84.000 metros de gran valor ambiental e ecolóxico destinado a mellorar a calidade de vida da veciñanza

A concelleira de Medio Ambiente explicou que este espazo, que conectará o barrio co Monte de San Pedro e que se converterá no terceiro parque urbano da cidade en extensión, “é a primeira actuación do proxecto Bosques da Coruña, baseado na reforestación con especies autóctonas”

A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou esta mañá o proxecto para a creación dun bosque urbano no barrio de Os Rosales, que terá o nome de Bosque das Cinco Illas (en alusión ás illas de San Pedro) e que conectará co Monte de San Pedro pola súa ladeira sur, creando "unha grande área con calidade ambiental e ecolóxica, baseada nas especies autóctonas, e que poderá ser utilizada pola cidadanía como zona de esparexemento, xogos e descanso". García explicou que este proxecto é o primeiro dos que se abordarán dentro da iniciativa Bosques da Coruña, que busca poñer en valor e reforestar con especies autóctonas as zonas naturais da cidade nas que hoxe hai unha presenza maioritaria do eucalipto, así como afondar na naturalización dos espazos verdes da cidade. A responsable municipal insistiu en que este proxecto entronca con todo o traballo de expansión de arborado e naturalización das zonas verdes da cidade que o goberno local leva implementando dende 2015. Ao fío, a concelleira recordou que esta actuación "é coherente coa estratexia DUSI (Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado) que desenvolve o Concello coruñés".

"Neste momento, na Coruña contamos con 301 zonas verdes aínda que, non obstante, o 73% ocupan menos de 2.000 metros cadrados e o 40% non chega a ter 500 metros. Existen moitos microespazos, cando as recomendacións que nos fan dende a Unión Europea falan de espazos para practicar exercicio de, como mínimo, 5.000 metros cadrados", explicou García, que indicou que a previsión do executivo municipal pasa por iniciar as obras deste espazo contra final de ano, "para consolidar a actuación durante 2019". Malia que a actuación está en fase de anteproxecto, xa que o plan definitivo terá en conta as achegas da cidadanía, a intención do departamento de Medio Ambiente é investir preto de 750.000 euros no Bosque das Cinco Illas.

Tal e como explicou a concelleira, a recuperación do espazo, que supera os 84.000 metros cadrados, permitirá sumar un novo pulmón verde á cidade que axudará a incrementar a biodiversidade da zona e mellorará o metabolismo ambiental de Coruña. A responsable municipal salientou, ao fío, que unha vez materializado o proxecto, entre o Bosque das Cinco Illas e o Monte de San Pedro crearase un espazo naturalizado de máis de 160.000 metros cadrados. Por si mesmo, o Bosque das Cinco Illas converterase no terceiro espazo verde da cidade por detrás do Parque de Eiris e Bens.

O Bosque das Cinco Illas habilitarase sobre o que hoxe se coñece informalmente como Parque Natural dos Rosales, un espazo que, neste momento, carece dunha gran riqueza biolóxica e que conta con áreas dominadas por monte baixo e eucalipto. "Ao longo dos anos houbo moitas promesas con esta zona que nunca se chegaron a plasmar realmente. Nós si queremos facelo realidade, mellorando os accesos e os percorridos do parque, que suman máis de 6 quilómetros, así como abordando os importantes desniveis que posúe e rehabilitando as zonas verdes. Queremos aportar beleza paisaxística e ademais, en definitiva, mellorar a calidade de vida da veciñanza", dixo.

Aberto ás achegas da cidadanía

A intención do goberno local é que o Bosque das Cinco Illas se abra ás achegas da veciñanza para construír un proxecto "participado e enriquecido entre todas e todos". Segundo explicou a titular de Medio Ambiente, a vindeira semana o proxecto do bosque será presentado á veciñanza da zona para, posteriormente, contra o día 24, realizar unha presentación pública. "Unha vez teñamos recollidas todas as achegas procederemos a rematar de forma definitiva o proxecto, para logo acometer a execución das obras", explicou.

A configuración do novo parque precisará dunha intervención integral a nivel de paisaxe que aproveitará os desniveis do terreo, os accesos e o sistema de camiños actuais para crear un gran bosque, que ocupará a metade do terreo na súa parte central, unha área na que agora se concentran exemplares de eucalipto de gran porte e que serán substituídos gradualmente por especies autóctonas (se ben conservaranse algúns exemplares de eucaliptos especialmente simbólicos na zona por pertencer a unha variedade diferente e de usos paisaxísticos). O resto do bosque intercalará zonas de vexetación baixa, praderas e de árbores para crear espazos de sombra e tamén para abrir áreas que permitan potenciar as vistas á cidade e ás illas de San Pedro que ten a zona. Tamén está previsto implementar equipamentos que amplíen a tipoloxía de usos para os veciños e as veciñas.

A titular de Medio Ambiente indicou que haberá instalacións agrupadas por usos destinadas a xogos para nenos e para nenas, unha zona con biosaudables e mobiliario urbano pensado para xente maior, así como unha zona para realizar deporte, combinada con elementos como tumbonas e bancos para o descanso. O proxecto, que culminará coa participación da cidadanía, tamén contempla unha área pensada para os cans que terá elementos nos que poidan xogar e facer exercicio, como se vén de poñer en marcha no parque de Eirís e se habilitará en breve no parque de Bens. A edil apuntou que o deseño do bosque está pensado para incorporar unha multiplicidade de usos que actualmente non ten, como o didáctico, educativo e científico, no que se poida abordar a historia do entorno, poboado na Idade de Ferro, a súa composición xeolóxica e a súa proximidade e conexión co ENIL das Illas de San Pedro. Entre os posibles usos, García tamén salientou o lúdico e o cultural, no que que se poidan realizar actividades ao aire libre, o recreativo e deportivo, tanto na zona acondicionada como na rede de 6,6 quilómetros de camiños, ou o de descanso e de reunión, nos merendeiros e nas áreas de descanso.  "Estamos a falar dunha área grande. Na zona centro se concentrarían as árbores, mentres que tamén habilitariamos unha zona de transición con outras especies de porte máis baixo para que conecten coa barrio", comentou a concelleira. "A propia configuración do bosque dividirase en diferentes illas, algo que tamén fai referencia e conecta simbolicamente este espazo cun dos nosos grandes patrimonios naturais, as Illas de San Pedro", explicou a edil.

"A intervención está encamiñada a recuperar e converter o espazo nunha grande área verde de calidade, que conserve, incorpore e rexenere os seus diversos sistemas ecolóxicos naturais. No bosque iranse introducindo de maneira gradual especies autóctonas como o carballo, o castiñeiro, a cerdeira ou o bidueiro, entre outras, que teñen un crecemento lento polo que a súa configuración abórdase como un proxecto a longo prazo", comentou García. Nas zonas do bordo do parque optarase por unha vexetación máis ornamental, con árbores, arbustos e flores de alto valor cromático e paisaxístico, que se prolongará cara aos accesos dende Os Rosales, para darlle continuidade no barrio. A iluminación prevista acompañará os percorridos principais e se concentrará na área destinada aos cans, mentres que para a xestión dos residuos optarase por contedores mimetizados para lograr a súa integración na paisaxe.

Documentos:

Información sobre o proxecto do Bosque das Cinco Illas (917 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión