Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de marzo de 2019

A Concellería de Medio Ambiente abordará unha restauración no Xardín de San Carlos “acorde ao valor do espazo, con respecto e sensibilidade coa historia”

María García presentou un proxecto de preto de 400.000 euros financiados con fondos Eidus, que pretende recuperar a configuración inicial, simétrica, dos parterres e a súa vocación de xardín botánico con especies de todo o mundo. A actuación permitirá tamén a accesibilidade universal do espazo, restaurará os elementos patrimoniais e mellorará e reubicará o mobiliario.

A edil de Medio Ambiente, María García, deu a coñecer esta mañá o proxecto de restauración e posta en valor do Xardín de San Carlos que será acorde, dixo, "ao valor do lugar, con respecto e sensibilidade pola súa historia, que non só se coidará senón que tamén se dará a coñecer". A filosofía da proposta de intervención, polo tanto, terá en conta a historia do espazo, porá en valor os elementos singulares que contén, mellorará a harmonía e a diversidade das especies vexetais, respectará e compatibilizará os seus usos e permitirá a accesibilidade universal "con medidas que intentan achegalo a todos os colectivos como os de persoas invidentes e de mobilidade reducida". "Para a elaboración do proxecto tivéronse en conta tamén os beneficios que aportan as solucións baseadas na natureza e a presenza de información e a divulgación que nos serva para coñecer mellor A Coruña e a botánica", explicou a edil.

O xardín, ben de interese cultural dende 1914, conta cunha olmeda centenaria, a única protexida de Galicia e que está incluída no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galicia, e o sepulcro de sir John Moore. Ademais, está delimitado polo baluarte de San Carlos do século XVIII e polo Arquivo do Antigo Reino de Galicia e está localizado enriba dunha muralla do século XIV, como apuntou García. "O estado actual non responde a este valor histórico e atópase nun estado lonxe de ser óptimo. Por iso, dende hai meses estamos traballando nunha proposta de rehabilitación e restauración que dignifique este espacio tan singular da cidade. Actualmente son 3.900 metros cadrados de xardín con unha composición vexetal variada, de máis de 70 especies, pero que carecen a súa meirande parte dun valor especial", explicou.

As actuacións previstas consisten na intervención sobre os parterres, "nos que se vai recuperar a configuración inicial, máis simétrica e harmónica" que foi modificada a mediados do século pasado. Con esta proposta, os parterres máis próximos ao arquivo pasarán de dous a tres, "respectando a morfoloxía inicial e recuperando o que existía no entorno da fonte actual". Esta acción suporá unha mellora para o arborado ao evitar que pasen sendeiros por riba das raíces dos olmos. As especies de arbusto que pechan os parterres serán de buxo ou teixo. "Gustaríamos que houbese outra vez buxo pero está sendo afectado por unha praga en Galicia e teremos que valorar a súa incorporación", explicou a concelleira.

O tratamento da vexetación será un dos puntos máis visibles da remodelación do xardín. A través dela, quérese recuperar "esa identidade que tivo San Carlos na súa orixe de xardín botánico". Así, a proposta xoga coa recuperación da diversidade de especies e as agrupa ao longo dos parterres por zonas de orixe, que "configurarán un periplo botánico" por Galicia, Europa, Asia de clima temperá, Asia tropical, Australasia, América do Sur e América do Norte. García explicou que a zona verde contará tamén con carteis de información técnica e científica para contribuír a súa divulgación a través de novas tecnoloxías con códigos QR e tamén paneis accesibles en braille.

Estas actuacións sobre a configuración e composición vexetal dos parterres irá acompañada dunha mellora do uso do espazo, pola que se abordará a adecuación dos pavimentos e instalacións para facelos accesibles e máis favorables para as especies vexetais. "Os pavimentos brandos permiten a aireación do terreo e a súa compactación está provocando unha debilidade da olmeda que queremos atallar", indicou a edil. A reforma chegará tamén ao mobiliario urbano, que se renovará e reubicará para potenciar as vistas dende o xardín cara ao porto da cidade, e a elementos artísticos e patrimoniais como as lanzas de Juan de Ciórraga, que se restaurarán seguindo os criterios do informe especializado encargado para esta fin.

O proxecto "tenta fomentar o uso e a estima cara ao xardín de San Carlos para devolverlle a dignidade necesaria para un ben de interese cultural desta magnitude". A actuación, que ten un orzamento de 399.000 euros que se financiarán con fondos Eidus, deberá contar agora coa pertinente autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. O proxecto EidusCoruña está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixo de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión