Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de novembro de 2017

O Concello apoia o desenvolvemento de melloras ambientais no patio do IES Menéndez Pidal "para favorecer o contacto coa natureza no barrio de Zalaeta"

A edil de Medio Ambiente, María García, subscribiu esta mañá un convenio por valor de 7.500 euros coa Asociación Cultural Zalaeta

O Concello da Coruña colaborará no desenvolvemento de actividades encamiñadas a reverdecer o patio do IES Ramón Menéndez Pidal. Así o asinou esta mañá a edil de Medio Ambiente, María García, coa representante da Asociación Cultural Zalaeta, María Estrella Pérez Freire, a través dun convenio de colaboración coa finalidade de favorecer a posta en marcha de actuacións que melloren aspectos ambientais no equipamento educativo. Trátase dunha nova iniciativa do executivo municipal encamiñada "a favorecer o contacto coa natureza na contorna máis próxima da cidadanía, neste caso, do alumnado do centro escolar, pero tamén da veciñanza que fai uso das instalacións deportivas exteriores nas tardes dos días laborais, ou en días festivos", segundo sinala a concelleira. "Desde o goberno local entendemos que a naturalización dos centros de ensino é unha prioridade, debido ao distanciamento existente entre as xeracións máis novas e o medio natural, provocado principalmente pola organización e ordenamento da cidade dunha maneira densa, e na que as principais zonas verdes se atopan na periferia", explica a edil, que indica que, a este respecto, "o desenvolvemento urbanístico dos últimos anos provocou que Zalaeta case non teña contacto co medio natural". "A realización de actividades para reverdecer e mellorar aspectos ambientais nas instalacións do IES é un asunto de interese xeral para o barrio, xa que favorece a naturalización e sensibilización ambiental, á vez que proporciona unha importante mellora na calidade de vida da súa veciñanza", afirma a edil.

As actuacións, nas que o Concello da Coruña investirá, a través do convenio, 7.500 euros, consistirán na colocación de plantas ornamentais e dunha malla verde, ademais dun novo sistema de rego ou o aderezo xeral desta zona das instalacións. A responsable municipal valora positivamente a "sensibilidade ambiental mostrada pola comunidade educativa do IES Menéndez Pidal ao longo destes anos e de xeito continuado, como demostra, por exemplo, non só o interese por reverdecer o recinto, senón tamén a súa participación activa en campañas de sensibilización como Móllate!".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión