31 de agosto de 2026
A proba celebrarase o vindeiro 4 de outubro e a organización valorará unha posible ampliación do número de prazas en función da demanda e das posibilidades organizativas e de seguridade
A C10 esgotou xa os 3.000 dorsais dispoñibles para a edición deste ano, que se celebrará o vindeiro domingo 4 de outubro polas rúas da Coruña. A elevada demanda, a máis dun mes da celebración da proba, levou á organización a habilitar unha lista de espera para as persoas interesadas en participar e valorar unha posible ampliación do número de prazas.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou a resposta das persoas participantes, que confirma o crecente interese polas carreiras populares na cidade. "Que os 3.000 dorsais se esgotasen con tanta antelación é unha mostra da enorme afección que existe na Coruña polo deporte e, especialmente, polo atletismo popular", sinalou.
Vázquez puxo tamén en valor as condicións da Coruña para acoller este tipo de probas, que permiten combinar a práctica deportiva co desfrute dos espazos urbanos e do litoral da cidade. "Temos unha cidade privilexiada para correr e un calendario deportivo cada vez máis atractivo, tanto para as coruñesas e coruñeses como para as persoas que nos visitan para participar nas diferentes probas", indicou.
A Coruña, unha cidade que corre
A C10 volverá ser unha das grandes citas do calendario deportivo municipal, nun contexto de crecemento da participación nas carreiras populares que se celebran na cidade.
"Nas últimas probas estamos vendo como os cupos se completan e a demanda continúa medrando", apuntou Vázquez. Para o concelleiro, ter xa 3.000 persoas inscritas na C10 cando aínda queda máis dun mes para a carreira confirma o interese que esperta o atletismo popular na cidade. "A Coruña vive o deporte e cada vez son máis as persoas que queren participar nas probas que se organizan nas nosas rúas", engadiu.
O concelleiro incidiu tamén no compromiso municipal coa promoción da actividade física e co deporte de base. "Queremos facilitar que cada vez máis coruñeses e coruñesas practiquen deporte, independentemente da súa idade ou do seu nivel", sinalou Vázquez, quen destacou o papel das carreiras populares como porta de entrada á práctica deportiva. "Son probas que fomentan a actividade física e que, ademais, contribúen a levar o deporte ás rúas e aos barrios", concluíu.
Lista de espera
Ante a elevada demanda, a organización habilitou unha lista de espera para as persoas que non puideron obter un dos 3.000 dorsais dispoñibles. Esta permitirá coñecer o número de persoas interesadas en participar e estudar, en función das posibilidades organizativas e das condicións de seguridade da proba, unha eventual ampliación do cupo.
As persoas interesadas poderán anotarse na lista de espera a través da web de Carreiras Galegas.
A C10 celebrarase o vindeiro 4 de outubro e volverá percorrer as rúas da Coruña nunha xornada que reunirá a milleiros de corredores e corredoras e que consolida a proba como unha das principais citas do calendario deportivo popular da cidade.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible