Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de febreiro de 2022

Coruña21, un amplo abano de servizos para os seus e as súas atletas

Os/as máis de 1.400 corredores/as que tomarán a saída este domingo en Coruña21 contarán cun gran número de facilidades antes, durante e despois da carreira para garantir que esta décimo cuarta edición do medio maratón sexa unha grande experiencia para todas as súas persoas participantes.

Coruña21 ultima os seus preparativos para realizar este domingo a súa XIV edición, que este ano superou as 1.400 persoas inscritas. A proba, sobre circuíto homologado a unha volta, poñerá ao servizo dos corredores e das corredoras un nutrido número de servizos para prover das maiores comodidades aos seus e ás súas atletas.

Recollida de dorsais e chips: as e os atletas poderán dirixirse desde o venres á quinta planta de El Corte Inglés da rúa Ramón y Cajal. Alí está situado o departamento de Deportes. O prazo de recollida comeza o venres ás 11.00 horas e termina ás 21.30 horas. O sábado o horario será desde as 10.00 ata as 21.30 horas. Ademais, habilitarase unha entrega de dorsais e chip o día da carreira das 8:00 ás 9:00 h. Rógaselles ás persoas corredoras, con todo, que na medida do posible os retiren antes para evitar aglomeracións.

Ao mesmo tempo e para evitar a concentración de persoas, no espazo habilitado establecerase un servizo de cita previa, polo que se procederá a envar o formulario para pedir a cita a todos os corredores e corredoras que formalizasen a inscrición.

Quendas de saída: considerando o protocolo FISICOVID da Federación Galega de Atletismo, realizaranse quendas de saída de 300 atletas, en función dos tempos rexistrados na inscrición. As quendas sairán cun intervalo de 1 minuto.

Os caixóns corresponderanse con cinco cores indicativas que lucirán os/as corredores/as nos seus dorsais.

Clasificación: os dorsais contarán cun código QR a través do cal as persoas que cheguen á meta poderán consultar os seus rexistros de forma instantánea.

Vídeo de chegada: os/as atletas, ao consultaren os seus resultados, poderán acceder á gravación da súa chegada á meta en www.carreirasgalegas.com

Servizo de gardarroupa: estará dispoñible para todos/as os/as corredores/as nunha carpa situada na zona do Obelisco desde as 08.00 ata as 13.00 horas.

Sinalética da carreira: en Coruña21 todos os puntos quilométricos estarán sinalizados. Así mesmo, tamén haberá indicacións a 100 metros dos puntos de avituallamento que informarán os/as corredores/as da súa proximidade.

O paso polo Km 10 contará cun punto de control de cronometraxe, xa que ao ser un circuíto homologado, a marca no Km 10 será válida para todas as persoas que finalicen a carreira.

Avituallamento: seguindo as normas da Federación internacional, en Coruña21 estableceranse un total de catro pasos de avituallamento líquido durante o trazado, situados cada 5 kms. O primeiro deles estará localizado na rúa Manuel Murguía á altura da rotonda do colexio das Escravas, o segundo colocarase na avenida do Exército á altura do Parque Europa, un terceiro na estrada do Porto á altura da entrada das vías do tren, e o cuarto no Cantón Pequeno, paralelo aos xardíns.

Esta disposición supoñerá catro pasos por punto de avituallamento durante o percorrido, co quinto e último na meta, onde os corredores e as corredoras poderán recuperarse do esforzo con avituallamento sólido e líquido.

A situación exacta dos puntos de avituallamento e o contido de cada un deles será o seguinte:

  • Km 5 - Oza: no PK 5´380 (auga)
  • Km 10 - Avenida do Exercito á altura do Parque Europa: no PK 9´720 (auga)
  • Km 15 - Estrada do Porto á altura da entrada das vías do tren ao porto: no PK 15´225 (auga)
  • Km 20 - Cantón Pequeno, paralelo aos xardíns: no PK 19´690 (auga)
  • META - (auga, Powerade, sólido)

Ademais, todos/as os/as atletas que o desexen poderán utilizar un avituallamento propio. Para iso deberán entregarllo á organización ata unha hora antes da saída, debidamente cerrado e marcado co seu número de dorsal e o punto quilométrico no que queren atopalo. O lugar de entrega será a zona habilitada para entrega de dorsais o día da carreira. Se o/a corredor/a desexa que se lle entregue na man, deberá designar e situar a unha persoa baixo a súa responsabilidade que cumprirá esta función. Esta deberá estar acreditada pola organización de Coruña 21. Calquera tipo de avituallamento fóra da zona marcada poderá supoñer a descualificación da proba para a persoa infractora.

Colectores: haberá os suficientes repartidos por todo o trazado para a recollida selectiva de residuos, e que serán de uso obrigatorio por parte de todas as persoas corredores/as. O obxectivo é que Coruña21 sexa un evento sostible e libre de residuos, e que favoreza que se produza o menor impacto ambiental na cidade. Se as persoas participantes non os empregan poderá derivar nunha descualificación.

Ademais, situaranse colectores aproximadamente 200 metros despois da saída para aqueles/as participantes que desexen depositar a súa máscara tras a saída, como permite o protocolo FISICOVID da Federación Galega de Atletismo.

Servizos W.C.: os/as atletas terán á súa disposición baños portátiles situados na saída e na meta, na zona do palco da música dos xardíns de Méndez Núñez. De igual maneira estarán dispoñibles nos puntos de avituallamento intermedios.

Duchas: establecerase un servizo de duchas nas instalacións da Cidade Deportiva de Riazor, ao que os/as atletas poderán acceder co seu dorsal, en horario de 10:30 a 13:30 horas.

Servizo de fisioterapia: estará dispoñible nunha carpa situada no Cantón Grande, na zona de meta.

Entrega de trofeos: realizarase no palco situado na zona do Obelisco, a partir das 12:00 h.

Diploma: unha vez que se publiquen os resultados de Coruña21, os corredores e as corredoras poderán acceder para descargar o seu diploma personalizado co seu nome e o tempo realizado na web www.carreirasgalegas.com.

En definitiva, Coruña21 ofreceralles ás súas máis de 1.400 participantes un amplo abano de servizos para que a súa experiencia nesta edición do medio maratón sexa inesquecible.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión