Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de abril de 2017

Lema destaca a aposta da Concellería de Emprego “pola formación nos novos nichos do sector tecnolóxico”, na presentación da segunda edición do curso de creación de videoxogos

O programa de formación enmárcase dentro da oferta do Concello da Coruña para persoas en situación de desemprego e demandantes de traballo. A primeira edición deste curso, pioneiro en Galicia, concluíu coa creación de cinco proxectos empresariais

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, destacou esta mañá a aposta do Concello da Coruña, e en concreto da súa área, polo fomento de actividades formativas centradas en novas oportunidades de empregabilidade baseadas no desenvolvemento tecnolóxico e no I+D+i. Neste empeño enmarcou o curso de desenvolvemento de videoxogos, un programa pioneiro en Galicia que tivo lugar durante o 2016 e que este ano terá a súa segunda edición en base á súa boa acollida e aos resultados obtidos. A presentación do citado programa formativo tivo lugar este mércores no viveiro empresarial ACCEDE Papagaio, e o edil estivo acompañado de representantes de Gato Salvaje Studio, empresa punteira nivel galego colaboradora no programa e unha das máis reputadas no plano estatal no desenvolvemento de videoxogos. Tanto Lema como as persoas expertas no sector destacaron que o programa impulsado xa en 2016 pola Concellería de Emprego e Economía Social é "totalmente innovador en Galicia". A segunda edición do curso terá unha capacidade para 15 persoas, impartirase nas propias instalacións do Papagaio e terá unha duración de 256 horas lectivas presenciais, a razón de catro diarias, ademais das posteriores prácticas, titorizadas pola empresa. Os contidos formativos centraranse en programación en Unity, animación en 3D, modelado 3D, iluminación 3D, deseño dun estudio de videoxogos e márketing dixital e derivados. As persoas interesadas poderán facer a súa solicitude na dirección cursoconcello@gatosalvaje.com .

O primeiro curso de videoxogos, que se desenvolveu durante o verán de 2016, tivo, segundo as persoas encargadas de impartilo, "uns moi bos resultados". En concreto, desta experiencia resultaron 5 proxectos empresariais, integrados polo alumnado do curso, que actualmente atópanse en fase de mentorización, precisamente grazas aos servizos ofertados polo viveiro de empresas do Papagaio. O pasado ano, o departamento municipal de Emprego destinou 18.000 euros para a posta en marcha deste curso de formación enmarcado no programa de cursos formativos posto en marcha polo Goberno local, que teñen como obxectivo facilitar tanto a busca de traballo como mellorar as condicións e calidades das persoas que actualmente están en situación de demanda. A mesma cantidade foi destinada para esta edición.

"A Coruña é unha canteira importante de empresas destinadas ao audiovisual e as novas tecnoloxías. Atopamos xa o ano pasado que existía demanda, e cremos que é a nosa obriga axudar á xente que quere apostar por este sector a través de accións como esta", explicou Lema, que recordou que a cidade conta ademais co grado universitario de Comunicación Audiovisual, así como coa Escola Superior de Deseño Pablo Picasso, e os ciclos de formación análogos á mesma. "Temos que buscar nichos de mercado aproveitando o gran capital inmaterial desta cidade, que radica precisamente na súa universidade e nos centros de ensino", opinou.

Novidades na segunda edición do programa formativo

As novidades na segunda edición deste programa municipal de desenvolvemento de videoxogos baséanse en que os e as participantes do programa farán o seu proceso de prácticas no desenvolvemento real dun novo videoxogo, en concreto Waylanders, baseado no Camiño de Santiago e que ten A Coruña e as súas augas como escenario central. A empresa que desenvolve este proxecto ten o compromiso de contratar ao 25% do alumnado participante unha vez rematada a acción formativa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión