18 de abril de 2017
Dentro dos actos previstos, Ferreiro participará na colocación da primeira pedra dunha réplica da Torre de Hércules, que se construirá no Parque da Amizade Internacional do Monte Yandun
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, trasladarase esta semana o distrito de Yantian, na cidade de Shenzhen, como parte dunha comisión que ten como obxectivos afondar nas vías de cooperación entre A Coruña e esta cidade e manter contacto periódico para explorar áreas de interese común, tanto no campo comercial e económico como no cultural ou no potencial turístico, de acordo co Memorandum para Intercambios e Cooperación Amistosa asinado hai un ano no pazo de María Pita polo alcalde do distrito, Wu Delin, e o rexedor coruñés. No curso da estancia, a delegación coruñesa -na que tamén participa o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla- manterá encontros co goberno municipal de Yantian e participará en distintos actos institucionais e protocolarios, entre os que se conta a colocación da primeira pedra dunha réplica da Torre de Hércules, que se construirá no Parque da Amizade Internacional no Monte Yandun deste distrito, e que organiza o concello distrital de Yantian, ou os actos de inauguración do Pavillón de España no recinto ferial de Shenzhen. Ao mesmo tempo está previsto un encontro coa Federación de Industrias de Shenzhen, e que a comitiva acuda, neste marco, aos eventos organizados polo selo de calidade europea Top Brand. Do mesmo xeito, a delegación visitará á terminal internacional de contedores de Yantian e o centro administrativo do distrito, entre outros puntos de interese.
"Trátase de devolver a visita que fixo alcalde de Yantian, dentro do protocolo que asinamos as dúas cidades, tendo en conta que o porto de Shenzhen, situado en Yantian, é o máis relevante de China, co cal o volume de tráfico é moi importante, e que hai interese en ter rutas no Atlántico", avanzou este martes o alcalde da Coruña, quen sinalou como motivo principal da viaxe a busca de "elementos de promoción económica a establecer coa que é a segunda economía no mundo e co segundo porto en volume de negocio dese país". "É un lugar onde podemos ter oportunidades para que as empresas da Coruña poidan promocionarse, daí que tamén estea na expedición o presidente da CEC", salientou Ferreiro, quen aludiu a outras citas fixadas durante a viaxe, como o acto de colocación da primeira pedra da réplica da Torre ou a presenza na inauguración do pavillón de España, "un lugar onde as empresas poden gañar visibilidade, polo que é importante que A Coruña poida estar aí, como oportunidade para tecer relacións comerciais".
A visita responde aos acordos acadados polos gobernos das dúas cidades que, a través do protocolo asinado para a cooperación amistosa, acordaron establecer un marco de relacións empresariais e de carácter comercial entre A Coruña e Yantian, con atención á actividade portuaria, pero tamén a outros ámbitos, como son o cultural, científico e tecnolóxico ou a protección ambiental, de cara a manter contacto regular en asuntos de interese común para promover o desenvolvemento de relacións sociais, económicas e culturais. Nesta liña de traballo, o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, xa participou en novembro de 2015 nunha primeira expedición a Yantian, co obxecto de estudar as diversas vías de colaboración entre as dúas cidades, no ámbito comercial e empresarial.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible