15 de xaneiro de 2015
O Centro Municipal de Empesas do Concello da Coruña acolleu onte mércores o 'X Encontro de emprendedoras e empresarias', organizado por Fundación Mujeres.
O interese polo emprendemento quedou patente xa que se completou toda a capacidade coas alumnas que finalizaron esta última edición do curso, mulleres que participaron en edicións anteriores e/ou que foron asesoradas por Fundación Mujeres e que xa puxeron o seu proxecto no mercado.
Neste “X Encontro de emprendedoras e empresarias” as asistentes tiveron a ocasión de coñecer as liñas e os recursos para o apoio de iniciativas empresariais lideradas por mulleres. Romyna Fraga Lesta, técnica da Cámara de Comercio da Coruña, expuxo o labor que realiza a Cámara de Comercio en materia de asesoramento a emprendedores e puxo algúns exemplos de empresas de recente creación. Belén Fernández Rebolleda, técnica do Igape, expuxo as liñas de axuda convocadas polo Igape, este ano 2015, e cuxo prazo finaliza o 2 de febreiro, ademais de expoñer outras liñas do Igape, en apoio a emprendedores, entre outros, os programas de mentorización e a rede de investidores privados. Gonzalo González Pérez, técnico de Afigal, deu a coñecer o traballo que realiza Afigal en favor dos emprendedores: Préstamos e Avais nos que se prima a calidade do proxecto e a competencia profesional da persoa ou persoas que o lideran, animando a todas as asistentes a analizar ben os seus proxectos antes de poñelos en marcha, para elaborar un bo de plan de empresa, que sexa atractivo e real para conseguir o financiamento necesario.
Continuou a xornada coa intervención de catro alumnas que finalizaron esta X edición do curso, expoñendo os seus proxectos, uns xa en marcha e outros a piques de iniciarse. Ana Enríquez Fernández, arquitecta, presentou un interesante proxecto de difusión e valorización de patrimonio cultural, a desenvolver na zona de Manzaneda, O Caurel e Ribeiras do Sil, cun ambicioso proxecto no que a participación da sociedade é un elemento fundamental. Sonia Hermida Galán, profesional da comunicación, con máis de 15 anos de experiencia, pon en valor o seu currículo oculto iniciando un proxecto de comunicación dirixido a empresas que traballen no ámbito da infancia. Eva González Souto, xunto co seu marido, poñen en marcha un ximnasio diferente ao existente no mercado, “Team Graiño” un ximnasio de deportes de contacto. Posúe unha longa traxectoria como directivo de asociacións de deportes de contacto, ademais de dilatada experiencia como monitor e adestrador. Carla Orlando, a súa empresa, xa no mercado, ten como obxectivo o intercambio lingüístico e cultural. Non é unha academia de idiomas, facilita o intercambio a través da figura do “au pair”, en países con Reino Unido, Irlanda, Canadá, Nova Zelandia e Australia. Está a traballar nunha nova liña con China. Tamén realiza actividades en Galicia, de inmersión lingüística, ligada a deportes e á cultura galega, así como programas de inmersión lingüística para estranxeiros en España.
Tras un breve descanso, no que se produciu un interesante "networking" entre todas as asistentes, que puideron intercambiar opinións e tarxetas, continuou a xornada coa participación de tres empresarias. Luisa Couto Cantero, coaching, Estela López Rodríguez, Atempo, intelixencia musical e Margarita Murillo García. As tres falaron da súa experiencia como empresarias, contando como foi a súa preparación, os obstáculos encontrados e como estes foron superados. Cerraron a súa intervención comentando as súas metas acadadas, as más valoradas e os seus próximos retos. Todas deron mensaxes de ánimo e alento a todas as asistentes para que poñan en marcha os seus proxectos.
Berta Lema, técnica de emprendemento da Fundación Mujeres, clausura a xornada.
Grazas a todas pola vosa participación e mensaxes a través dos medios sociais.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible