Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de marzo de 2017

O concelleiro de Emprego destaca que o compromiso do Concello con Alvedro posibilitou un acordo coa Cámara de Comercio e con Iberia, que permitirá retomar frecuencias retiradas a Madrid

O Consorcio de Turismo, do que Lema é presidente, e o ente cameral coruñés, asinarán un convenio coa aeroliña para levar a cabo unha campaña de promoción da cidade de cara a potenciar os investimentos foráneos e o destino turístico

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, destacou este xoves que o compromiso do Concello da Coruña co aeroporto de Alvedro levouno a emprender unha serie de conversas coa aeroliña Iberia que culminaron co compromiso por parte da mesma de retomar, a partir do próximo mes de abril, frecuencias de última hora entre Madrid e A Coruña en días laborables que viñan de ser retiradas, e que afectaban especialmente "aos e ás viaxeiras de perfil de negocios". En concreto, Iberia retomará o voo que operaba os luns entre A Coruña e Madrid ás 21.00 horas, e o de Madrid A Coruña das 22.00 horas. "O regreso destas conexións facilita tanto a actividade empresarial como os enlaces para os e as viaxeiras turistas", salientou o responsable municipal. Ademais, froito das negociacións levadas a cabo ao longo dos últimos meses, o Consorcio de Turismo, ente municipal do que Lema é presidente, chegou a un acordo de promoción da cidade con Iberia, no que tamén participa a Cámara de Comercio da Coruña. En concreto, este materializarase coa firma dun convenio a tres bandas, que ten como obxectivo tanto intentar potenciar as inversións foráneas na cidade, como publicitar A Coruña como destino de turismo atlántico.

Do mesmo xeito, e no marco das conversas levadas a cabo, deixouse a porta aberta a continuar explorando as posibilidades da posta en marcha dalgunha nova ruta, neste caso de carácter internacional, así como afondar nas negociacións para nun futuro seguir mellorando a conectividade do aeroporto de Alvedro.

Lema destacou a importancia deste acordo, no que Concello da Coruña e Cámara de Comercio van da man, "en base a intereses comúns para a cidadanía". O convenio, que se asinará en próximas datas, estará financiado pola administración local e a entidade empresarial, aportando a primeira as dúas terceiras partes do montante total. O titular do Consorcio de Turismo salientou que "tanto Goberno local como Cámara de Comercio temos claro que Alvedro é unha infraestrutura imprescindible para fomentar o turismo e a actividade empresarial na cidade".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión