Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

Convocatoria anual para Calendario oficial de Competicións e Eventos Deportivos 2021

Convocatoria para calendario oficial de competicións e eventos deportivos 2021

Bases da convocatoria

O Concello da Coruña, Concellaría de Deportes, pretende confeccionar e aprobar provisionalmente un Calendario Oficial de competicións e eventos deportivos para desenvolvérense na cidade da Coruña co fin de realizar unha previsión e difusión axeitada das competicións e eventos deportivos que sexa posíbel desenvolver en 2021 dependendo sempre da situación sanitaria e o estrito cumprimento das normas que establezan as autoridades sanitarias e os protocolos de prevención Covid-19 fixados polas respectivas federacións de ámbito estatal e autonómico para cada  unha das modalidades deportivas.

Para elaborar o dito Calendario necesítase coñecer as planificacións dos eventos deportivos por parte dos clubs e entidades privadas.

No Calendario Oficial incluirase programación propia do servizo de Deportes e actividades privadas que requiren autorización previa para seren realizadas, ben porque se desenvolven na rúa ou ben porque se nos vai solicitar o uso dalgunha instalación deportiva municipal.

En ningún caso a inclusión dos eventos deportivos no Calendario Oficial dará lugar á cesión gratuíta dos espazos para o seu desenvolvemento nin implicará ningún tipo de colaboración económica por parte do servizo de Deportes.

A inclusión no Calendario Oficial ratifica o interese da Concellaría de Deportes pola organización da competición ou evento deportivo.

Unha vez confirmada a inclusión do evento no Calendario Oficial, os promotores que desexen a colaboración do Concello deberán participar na convocatoria pública de axudas económicas que se convoquen.

NOTA COVID-19

 As bases e o procedemento que regulan a autorización de actos deportivos en espazos públicos ou nas instalación deportivas municipais, neste ano 2021, pódense ver afectadas e modificadas polo Servizo de Deportes, en calquera momento, en función das decisións adoptadas polas autoridades sanitarias.

EXTRACTO das BASES 

A continuación recóllese un extracto das bases que rexen a convocatoria para o ano 2021. Pode consultar as bases completas nesta ligazón ou no documento adxunto no pé da páxina.

DEFINICIÓN DE COMPETICIÓN E EVENTO DEPORTIVO

Para os efectos desta convocatoria enténdese por competición e evento deportivo o establecido na Lei 3/2012, do 2 de abril, de deporte de Galicia.

O artigo 18 da dita lei establece que as competicións deportivas que teñan lugar na Comunidade Autónoma de Galicia poden clasificarse en:

  • Polo seu carácter: competicións oficiais ou competicións non oficiais
  • Polo seu ámbito territorial: competicións locais, provinciais, interprovinciais, autonómicas, estatais e internacionais
  • Pola súa organización: competicións federadas e non federadas
  • Polo colectivo ao que se dirixen: competicións de deportes escolar e de deporte universitario, ademais doutras que poidan sinalarse de forma regulamentaria

O artigo 22 define os eventos deportivos como aquelas actividades deportivas organizadas á marxe das federacións deportivas e do resto de organizacións de competicións oficiais.

ACTIVIDADES EXCLUÍDAS

Quedan expresamente excluídas desta convocatoria as fases regulares das competicións xa fixadas ao inicio da tempada deportiva das respectivas federacións deportivas de cada modalidade, sen prexuízo de que o propio Servizo de Deportes as inclúa de oficio no calendario.

INTERESADOS/AS

A convocatoria está dirixida a asociacións, clubs, federacións, fundacións e demais entidades deportivas sen ánimo de lucro, legalmente constituídas como tales e inscritas no rexistro correspondente.

Documentación e solicitudes

DOCUMENTACIÓN PARA PRESENTAR

As persoas interesadas en incluír o seu evento deportivo no calendario oficial aprobado pola Concellaría de Deportes deberán presentar por rexistro:

  • Unha memoria sobre a actividade que pretende desenvolver onde constará a modalidade deportiva, a data prevista, o lugar e o número de participantes. No caso de que se pretenda desenvolver no dominio público deberán aportar un pequeno plano indicativo da zona que pretenden ocupar.

          No caso de que pretendan instalar algún tipo de estrutura deberán indicar de cales se trata e o tamaño, para os efectos de que se poida determinar se sería necesaria a concesión da oportuna licenza de actividade.

A presentación desta memoria non suple a presentación da demais documentación requirida pola Lei 10/2017 para a realización do evento.

  • Unha declaración responsable onde se poña de manifesto que se aceptan todas as condicións da presente convocatoria e de que os datos que se achegan son certos.

          No caso de que a actividade poida dar lugar a algún tipo de contraprestación para as persoas organizadoras deberá declarase expresamente. Inclúese neste caso o feito de cobrar algún tipo de cota de inscrición.

A presentación desta declaración non suple a presentación da Declaración responsable (modelo 056) que se terá que presentar no seu momento cando se queira organizar a actividade.

PREFERENCIA NAS SOLICITUDES

No suposto de que houbese un conflito coa data e o lugar para incluír un evento no Calendario Oficial, levaranse a cabo -sucesivamente e por esta orde- os seguintes trámites:

  1. Traslado ás entidades propoñentes de que existe un conflito coa data ou lugar co fin de que modifiquen a súa solicitude para que poida ser viable.
  2. No suposto de que non accedesen á modificación, aplicaranse sucesivamente os seguintes criterios para determinar a preferencia:
    1. A actividade competitiva oficial terá preferencia sobre o evento deportivo.
    2. Dentro das actividades competitivas primarán as de categorías ou niveis superiores fronte ás inferiores.
    3. Dentro da mesma categoría ou nivel de competición, primará a que teña un maior número de participantes e asistentes (para comprobar este dato non só se terá en conta a memoria senón tamén as persoas asistentes ao mesmo evento no ano anterior).
    4. Se se mantén a igualdade, daráselle preferencia á actividade que teña un maior número de edicións anteriores e, de ser necesario, terase en conta o número de edicións realizadas na cidade da Coruña. 
    5. Finalmente, faríase un sorteo se fose necesario.

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

Poderán presentarse as solicitudes ata o 30 de marzo de 2021. O prazo poderá prorrogarse por 15 días máis, se así o considera o Servizo municipal de Deportes.

DESESTIMACIÓN DE SOLICITUDES

Por causas motivadas, como a orde pública, ou para evitar duplicidades na programación deportiva con actividades similares, o Servizo de Deportes pode desestimar determinadas solicitudes.

PETICIÓN DE ACLARACIÓNS

Durante a instrución que precede á confección do Calendario Oficial, o Servizo de Deportes poderalles requirir aos solicitantes as aclaracións e documentos que precise para valorar a súa proposta.

CALENDARIO

APROBACIÓN DO CALENDARIO OFICIAL

Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes o Servizo de Deportes elaborará un calendario provisional que terá carácter  anual.

Este calendario será publicado para os efectos de que as entidades que o consideren poidan facer as súas alegacións. O prazo para alegar será de 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación do calendario na páxina web.

Unha vez rematado o prazo de alegacións, aprobarase o Calendario Oficial de competicións e eventos deportivos para o período que corresponda.

MODIFICACIÓN DO CALENDARIO

A aprobación do calendario anual non implica que nun momento determinado, e por motivos en que así lle interese á Concellaría de Deportes, se poida incluír algún outro evento no calendario. 

O Servizo de Deportes poderá modificar de xeito motivado o calendario de eventos deportivos cando fose preciso para executar unha actividade  de promoción municipal. Nese caso daríaselles traslado previo aos interesados para que aleguen o que estimen conveniente na defensa dos seus intereses.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión