11 de xaneiro de 2026
O concerto puxo en valor un proxecto pioneiro de cidade que une educación, música e valores
O Coliseum da Coruña acolleu esta tarde Chorus 2026 - Concerto pola Paz, unha gran cita coral e solidaria impulsada polo Concello da Coruña que reuniu a máis de 630 voces entre alumnado, profesorado, músicos e artistas convidados. O concerto serviu para amosar o traballo educativo e musical desenvolvido ao longo dos últimos meses nos centros educativos da cidade, nun proxecto pioneiro que sitúa a música como ferramenta de aprendizaxe e transmisión de valores desde a nosa cidade.
Durante a súa intervención, a alcaldesa, Inés Rey, destacou que "o que hoxe vivimos aquí non é só un concerto, senón a verdadeira imaxe da cidade", subliñando que Chorus nace coa vontade de "ir máis alá dun escenario e dun día concreto, para formar parte da identidade dunha Coruña que promova desde a educación, os valores, e a Paz para as persoas".
Rey puxo o foco no papel do alumnado como eixo central do proxecto, sinalando que "este é un canto construído coas voces de quen representa o presente, pero sobre todo o futuro: as nenas, os nenos, as mozas e os mozos que terán que construír un mundo mellor". Neste sentido, destacou o valor educativo do canto coral, xa que "a través da música aprendemos a escoitar, a cooperar e a entender que cada voz é importante, pero que só xuntas crean algo verdadeiramente fermoso".
Chorus reuniu sobre o escenario agrupacións instrumentais e corais de primeiro nivel, entre elas a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Orquestra Xove, que protagonizaron a súa primeira colaboración pública conxunta de gran calado nun proxecto educativo destas características. Participaron tamén o Coro Xove da OSG, o Coro Infantil do Conservatorio Profesional de Música da Coruña, o Coro MiniGaos, o Coro Gaos Novo e o Coro Gaos.
Ao traballo coral e orquestral sumáronse artistas convidados de recoñecido prestixio como Rosa Cedrón, Carolina Rubirosa, Gandy, Carlos Tojeiro, Eva B e Tinho. A alcaldesa agradeceu a súa implicación, asegurando que "a súa presenza é unha mostra de apoio ao esforzo do alumnado e ao valor simbólico dun concerto que quere lanzar unha mensaxe clara de paz desde A Coruña ao mundo".
O repertorio interpretado combinou pezas amplamente recoñecibles do cinema e da música contemporánea, con cancións de películas de Disney, temas do musical The Greatest Showman e versións de artistas internacionais como Michael Jackson, Lionel Richie ou Coldplay, nun programa pensado para conectar con públicos de todas as idades.
O concerto incorporou tamén un destacado compoñente solidario, coa recollida de material escolar nas portas do Coliseum destinada á "Escola Coruña" de Senegal, coordinada por Ecodesenvolvemento Gaia. Sobre este aspecto, a alcaldesa lembrou que "a música tamén serve para tender pontes, compartir oportunidades e educar en solidariedade".
A rexedora quixo agradecer de maneira expresa o traballo conxunto das distintas áreas municipais implicadas, destacando "o papel fundamental da Concellería de Educación, que fixeron posible un proxecto desta dimensión". Tamén recoñeceu o apoio das entidades e empresas colaboradoras como Marineda City, Gadisa, Bonilla e Cabreiroá.
Programa ao que pertence
O programa "Chorus" céntrase no ensino de técnicas de canto coral, que axudan a desenvolver os coñecementos musicais e outras capacidades, como o traballo en equipo, a capacidade de escoita, a comunicación ou a integración, entre outras.
Máis informaciónSentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible