Concello da Coruña

Concello da Coruña

Inés Rey entrégalles as licenzas de venda ás 16 cooperativas escolares do proxecto Semente que participarán no mercado do 31 de maio en María Pita

Cando:

25 de abril de 2024

A alcaldesa, acompañada polos concelleiros Yoya Neira e Juan Ignacio Borrego, puxo en valor “o esforzo e a ilusión” do alumnado que tomou parte nesta edición do programa, que implicou a sete centros educativos da cidade

A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polos concelleiros Yoya Neira e Juan Ignacio Borrego, entregoulles hoxe as licenzas de venda de produtos ás alumnas e alumnos dos sete centros educativos coruñeses que participan este ano no proxecto Semente, un programa municipal que fomenta os valores do emprendemento e a cooperación, achegando os máis pequenos ao coñecemento do comercio xusto e a economía social.

Case un cento de rapaces e rapazas de educación primaria e educación especial, pertencentes aos CEIP Manuel Murguía, Sal Lence e María Barbeito, así como aos CPR Hijas de Jesús, Sagrado Corazón, Franciscanos e Grande Obra, acompañados polo seu profesorado, recibiron hoxe o documento que os habilita a establecer os seus postos de venda no mercado especial 'Unha empresa na miña escola', que se realizará o vindeiro 31 de maio na praza de María Pita, en horario das 16.30 ás 20.30 horas.

Nesa xornada, as 16 cooperativas escolares constituídas polas nenas e nenos destes sete colexios coruñeses exporanlle á cidadanía os seus produtos, que estarán dispoñibles para a súa compra. En María Pita estarán Murgui Plants e Papelitos Rechulitos (CEIP Manuel Murguía), Astrocuarto (CEIP Sal Lence), Mercamagical, Brecia, Camel e Fasmagyc (CPR Hijas de Jesús), Stranger Oceanix, O noso retro e Hawaiano Bailón (CPR Sagrado Corazón), Multiespacio e Decorarte (CPR Franciscanos), Nas GOA Drew (CPR Grande Obra) e Naturbeito, Minions ao curro e M. B. Shop (CEIP María Barbeito).

Os beneficios acadados polas cooperativas no mercado do 31 de maio en María Pita irán destinados, en parte, a apoiar economicamente a actividade de diversas oenegués e asociacións humanitarias da cidade.

Case 5.000 pequenos participaron no proxecto Semente desde as súas orixes

A alcaldesa, Inés Rey, destacou a longa traxectoria do proxecto Semente, unha iniciativa municipal con 17 anos de percorrido na que participaron, desde a súa posta en marcha, case 5.000 nenas e nenos, que lles deron forma, ata hoxe, a 240 cooperativas escolares.

Neste sentido, cada un dos grupos participantes crea e xestiona unha empresa en forma de cooperativa, unha iniciativa que lles axuda ás novas xeracións a coñecer polo miúdo procesos como son a toma de decisións en común, o feito de pensar en colectivo e tamén posibles estratexias de dinamización publicitaria.

"Días como o de hoxe, así como o do mercado que terá lugar o vindeiro 31 de maio, son inesquecibles para as nenas e nenos participantes, as súas familias e tamén para o profesorado dos centros educativos, porque é cando se ve recompensado todo o esforzo e ilusión que as partes implicadas poñen nos proxectos que se desenvolven ao longo de todo o ano", dixo Rey.

Ademais, a rexedora animou as pequenas e pequenos a abrir ao mundo as súas ideas e talento, lembrándolles que "xa sodes un modelo para seguir e unha inspiración de futuro para as nenas e nenos que participen nas vindeiras edicións do proxecto Semente".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión