Concello da Coruña

Concello da Coruña

O Concello completa a creación dun novo acceso ao IES Sardiñeira desde a avenida de Arteixo, co que reforza a seguridade peonil do percorrido

Cando:

25 de xuño de 2026

A alcaldesa, Inés Rey, achegouse hoxe ao instituto do barrio para supervisar as melloras executadas na súa contorna, unha demanda histórica da comunidade educativa

O IES Sardiñeira xa conta cun novo acceso desde a avenida de Arteixo. A intervención, executada polo Concello, era unha demanda histórica da comunidade educativa, que solicitaba crear un percorrido seguro, accesible e conectado coa porta traseira do instituto, que ata agora contaba cunha única entrada habilitada na avenida da Sardiñeira.

A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polas concelleiras e concelleiros Noemí Díaz, Juan Ignacio Borrego e Montse Paz, visitou hoxe o IES para supervisar as melloras executadas na contorna do instituto. A proposta, que contou coa colaboración da Xunta -ao ser a Administración que ten os terreos en réxime de cesión- formulouse durante o desenvolvemento das obras de construción da nova vía na Agra dos Mallos, construída polo Concello e aberta o pasado mes de maio.

"Durante os traballos na vía, e dada a proximidade do IES, o persoal profesional da Concellaría de Infraestruturas e Mobilidade mantivo contacto permanente co equipo directivo do instituto, tanto para mantelo informado dos avances como para valorar posibles necesidades na contorna do IES", explicou a alcaldesa.

Neste contexto xurdiron as primeiras conversas para acometer melloras nos espazos públicos que arrodean o IES, como este novo acceso traseiro, que lles evitará rodeos a moitas alumnas e alumnos do instituto que chegan desde Vioño e a súa contorna.

"Mais non só iso. A adecuación desta senda tamén reforzará a seguridade do alumnado, porque a creación deste acceso desde a avenida de Arteixo diminúe o risco de caídas e accidentes nos terrapléns que hai entre o pavillón e a avenida", indicou Rey.

Colaboración interadministrativa

Na súa visita desta mañá ao IES Sardiñeira, Inés Rey puxo en valor "todo o positivo que podemos conseguir cando existe un espírito de colaboración interadministrativa e unha vontade real de cambiar as cousas, de transformar o mundo que nos rodea".

Neste sentido, polo instituto do barrio pasan, a diario, máis de 800 persoas entre alumnado e profesorado. "Actuamos pensando no benestar da nosa xente, porque entendemos que A Coruña e os seus barrios non só avanzan con grandes proxectos, senón tamén coas melloras que lle dan solucións á veciñanza no seu día a día".

Rey agradeceu persoalmente a implicación amosada pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, e a directora do IES, Begoña de Blas, así como os seus equipos, para xestionar e axilizar esta intervención.

No acto desta mañá tamén participaron a vicedirectora do IES Sardiñeira, Esther Tarrío; a directora do CEIP Xosé Cornide, Patricia Graña; a futura directora do IES Sardiñeira, Yolanda Lista -que substituirá a Begoña de Blas o curso que vén-; persoal integrante da ANPA do instituto e unha exalumna e artista, Laura Marín.

O escultor Ramón Conde e o catedrático Luis Míguez, presentes na visita

No acto ao IES Sardiñeira tamén estivo presente o prestixioso escultor Ramón Conde, autor de dúas esculturas expostas no centro desde hai décadas, e que nas últimas semanas foron obxecto de restauración.

Ademais, no contexto do percorrido polo centro educativo tamén se aproveitou para visitar o arboretum do IES, un xardín botánico que alberga todas as especies de flora autóctonas de Galicia. Luis Míguez, catedrático de Bioloxía responsable do xardín, estivo presente esta mañá nas actividades alí programadas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión