Concello da Coruña

Concello da Coruña

Visita o teu mercado 2026-27

O programa "Visita o teu mercado" é unha actividade complementaria integrada no currículo, orientada a promover a alimentación saudable, o consumo responsable e o coñecemento da contorna próxima. Mediante unha metodoloxía activa e participativa, contribúe ao desenvolvemento de competencias clave fomentando habilidades, hábitos saudables e a participación responsable (CC3).

A actividade vincúlase especialmente con áreas como Ciencias Sociais, Ciencias da Natureza, Linguas e Educación en Valores, favorecendo unha aprendizaxe práctica e significativa. Articúlase en coordinación co traballo na aula, garantindo a súa coherencia coa programación didáctica e a actividade lectiva.

Localización do centro:

Só da Coruña

Servizo municipal:

Consumo

Tipo de actividade:

Complementaria

Titularidade do centro:

Público, Concertado, Privado

A quen vai dirixido?:

Alumnado de de 6º curso de Educación Infantil (5 anos) e de 1º, 2º, 3º e 4º curso de Educación Primaria.

Alumnos/as por grupo (aproximado): 20-25 alumnos/as + 2 docentes.

Horario:

Elección de días: martes, mércores ou xoves non festivos en período escolar, en horario de 10.00 a 13.00 horas.

As visitas terán unha duración aproximada de 2 horas (máis desprazamento).

Prezo / Custo:

Gratuíto

Obxecto:

Este programa ten como finalidade fomentar no alumnado hábitos de alimentación saudable e dar a coñecer os mercados municipais como espazos de consumo responsable, sostible e de proximidade.

A través da experiencia práctica no mercado, preténdese:

  • Coñecer os produtos frescos e de tempada, fomentando unha alimentación equilibrada
  • Valorar o papel dos mercados municipais como espazos de comercio local e próximo
  • Comprender a importancia do consumo responsable e a planificación da compra
  • Favorecer a aprendizaxe a través da experiencia directa, participativa e adaptada á idade do alumnado

Ademais, o programa busca ampliar o seu impacto máis alá da actividade, fomentando a implicación do alumnado e dos centros educativos mediante propostas complementarias que reforzan os contidos traballados:

  • Incentivar a participación activa do alumnado a través de dinámicas motivadoras como o "Pasaporte do mercado"
  • Favorecer a continuidade da aprendizaxe na contorna familiar, implicando as familias en hábitos de consumo saudable e responsable
  • Potenciar a participación dos centros educativos en iniciativas que conectan a actividade escolar coa vida cotiá
  • Consolidar hábitos de consumo de proximidade mediante experiencias prácticas e motivadoras

En conxunto, trátase dunha proposta educativa que combina aprendizaxe, experiencia e participación, contribuíndo a unha educación en consumo responsable vinculada á contorna máis próxima.

O programa "Visita o teu mercado" ofrécelle ao alumnado desde 6º de Educación Infantil ata 4º curso de Educación Primaria a oportunidade de coñecer de primeira man os mercados municipais da Coruña a través dunha experiencia práctica, dinámica e participativa.

Ao longo da actividade, o alumnado descobre o funcionamento dos mercados e o seu papel como espazos de consumo responsable e de proximidade, á vez que adquire hábitos de alimentación saudables vinculados á súa vida cotiá.

A actividade desenvólvese nos mercados municipais da cidade (praza de Lugo, San Agustín, Elviña, Monte Alto e Durmideiras) e ten unha duración aproximada de 2 horas (máis o desprazamento).

En que consiste a actividade?

A sesión estrutúrase en tres partes:

1. Visita guiada polo mercado

O alumnado percorre os distintos postos (froitaría, peixaría, carnizaría, panadaría...) participando en xogos e dinámicas adaptadas á súa idade.

Durante a visita, aprenderán a:

  • Identificar produtos frescos e de tempada
  • Comprender como funciona un mercado municipal
  • Valorar a importancia do comercio local e de proximidade
  • Reflexionar sobre como realizar unha compra responsable

2. Obradoiro práctico

Tras a visita, realízase un taller dinámico e participativo.

Trabállanse aspectos como:

  • Alimentación equilibrada
  • Hábitos de vida saudables
  • Consumo responsable

A aprendizaxe baséase en actividades lúdicas e manipulativas, adaptadas ao nivel educativo.

3. Degustación saudable

A actividade finaliza cunha pequena degustación de produtos do mercado:

  • Aperitivo salgado (p. ex., peixe, carne ou ovo)
  • Froita ou aperitivo vexetal
  • Batido natural

Téñense en conta posibles alerxias e intolerancias para garantir a participación de todo o alumnado.

Actividades complementarias á Visita (participación voluntaria)

O programa complétase cunha actividade complementaria baseada no Pasaporte do Mercado, na que os centros educativos poderán participar activamente desde a aula.

Cada alumno/a de os colexios partipantes nestas actividades complementarias recibirá un pasaporte que irá completando ao longo do curso mediante pequenas compras nos mercados municipais xunto á súa familia.

O funcionamento é sinxelo: o alumnado presenta en clase o tícket de compra e o profesorado verifica a adquisición, entregando un selo que se engadirá ao pasaporte. Deste xeito, o centro educativo actúa como eixe de seguimento da actividade, facilitando a participación e reforzando os contidos traballados.

Trátase dunha proposta fácil de integrar na dinámica da aula, que permite traballar de forma práctica aspectos como o consumo responsable, a importancia dos tickets de compra ou o valor do comercio de proximidade. Os centros interesados recibirán toda a información necesaria e contarán con orientación e acompañamento en todo momento para o seu correcto desenvolvemento.

Participa co teu centro nesta iniciativa e motiva ao teu alumnado para completar o seu Pasaporte do Mercado: os nenos e nenas que o entreguen completo participarán nun sorteo na súa aula, no que unha persoa gañadora por grupo recibirá un lote de produtos dos mercados municipais. Ademais, o centro educativo con maior número de pasaportes completos será recoñecido como o centro máis colaborador e recibirá un premio especial.

Animamos os centros educativos a participar nesta iniciativa, que permite reforzar os contidos traballados na actividade e fomentar a implicación do alumnado e as súas familias dunha forma lúdica e motivadora.

Participación no programa

  • As prazas adxudícanse por orde de solicitude
  • A participación é voluntaria
  • O centro debe acompañar ao alumnado durante a actividade
  • É necesario comunicar previamente alerxias ou necesidades específicas

Mercados participantes

As actividades realízanse nos mercados municipais de:

  • San Agustín
  • Praza de Lugo
  • Monte Alto
  • Durmideiras
  • Elviña

Asignarase mercado en función de dispoñibilidade, podendo o centro indicar preferencia.

‍️ Transporte

O desprazamento ao mercado realizarase preferentemente a pé, sempre que o centro educativo atópese a unha distancia que permita un traxecto seguro e adecuado para o alumnado (aproximadamente ata 15 minutos), para fomentar hábitos de vida saudable.

Non obstante os centros educativos poderán solicitar servizo de autobús, aínda que a súa concesión estará suxeita a autorización municipal e realizarase unicamente nos seguintes casos:

  • Centros situados a unha distancia que non permita o desprazamento a pé en condicións adecuadas
  • Existencia de alumnado con necesidades específicas que dificulten o traslado
  • Condicións meteorolóxicas adversas
  • Outras circunstancias que poidan afectarlle á seguridade do traxecto

Nestes supostos, o transporte será organizado polo propio programa e sen custo para o centro educativo

Cando:

Dende o 01/10/2026 ata o 21/06/2027

As visitas desenvolveranse desde o 1 de outubro ata o último día do curso escolar, os martes, mércores ou xoves non festivos en período escolar en horario de 10.00 a 13.00 h.

Inscricións:

Dende o 15/09/2026 ata o 15/10/2026

Ficha de solicitude

A participación no programa está suxeita á dispoñibilidade de prazas. As sesións adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición ata completar o número máximo previsto para cada curso escolar.

Unha vez presentada a solicitude, o centro educativo será contactado desde a OMIC para concretar:

  • A data e horario da actividade.
  • O mercado municipal a visitar (San Agustín, Eusebio da Guarda-praza de Lugo, Monte Alto, Durmideiras, Elviña).

A asignación realizarase en función da dispoñibilidade existente no momento da inscrición.

No caso de que a demanda supere a oferta, as solicitudes pasarán a listaxe de agarda. As solicitudes non atendidas non se trasladarán ao curso seguinte.

As visitas poderán ser reprogramadas por causas organizativas ou por incidencias alleas ao programa (condicións meteorolóxicas, incidencias loxísticas etc.), informando previamente o centro educativo.

Contacto:

OMIC. Oficina Municipal de Información ás persoas Consumidoras

Sede: costa da Palloza, 8. A Coruña 15006

Responsable da actividade: Lida Mª Blanco Iglesias (Técnica de Consumo)

Tel. 981 18 98 20

omic@coruna.es

ww.coruna.es/omic

Requisitos:

Antes de participar no programa, o centro educativo debe asegurarse de que o profesorado responsable coñece en detalle a actividade e as súas condicións.

É imprescindible garantir unha boa coordinación interna, especialmente cando a solicitude non a realiza directamente o titor/a de o grupo.

O centro deberá comunicar previamente:

  • Posibles alerxias ou intolerancias alimentarias.
  • Necesidades específicas de apoio educativo (NEAE).
  • Calquera outra información relevante para a seguridade do alumnado.

O alumnado estará en todo momento baixo a responsabilidade do profesorado acompañante, polo que se require unha supervisión activa e colaboración co persoal da actividade.

Organiza:

OMIC. Oficina Municipal de Información ás persoas Consumidoras.

Teléfono de asistencia técnica da web educativa municipal (981 902 327)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión