30 de xuño de 2025
Inés Rey: “É un orgullo ver en vós a empatía, a iniciativa e o compromiso co futuro da cidade”
O Salón de Plenos do Pazo de María Pita acolleu esta tarde unha nova sesión do Consello Local da Infancia da Coruña (CLIAC), no peche do curso 2024-2025, coa participación de máis de 40 nenas e nenos de 11 centros educativos da cidade. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o acto acompañada do concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego.
Durante a sesión, as conselleiras e conselleiros presentaron propostas como a creación de máis parques inclusivos, campañas de concienciación ambiental, medidas para mellorar a accesibilidade nos espazos públicos e accións para abordar a saúde mental desde idades temperás. "Estas achegas son o resultado dun proceso de participación democrática que reflicte a vosa madurez, empatía e compromiso coa cidade", subliñou a alcaldesa.
Rey puxo en valor o traballo desenvolvido ao longo do curso, con preto de 40 encontros sobre temas como medio ambiente, igualdade, diversidade e educación. Destacou tamén accións como a visita do CLIAC á Cociña Económica durante o Nadal, "un xesto que fala da vosa conciencia social e que me fixo lembrar ao meu avó Luis, que colaborou moitos anos con esta entidade".
No peche do acto, a rexedora referiuse á proposta de campañas de concienciación sobre reciclaxe e recollida de residuos, subliñando a importancia de manter o coidado dos espazos públicos: "O feito de que propoñades estas accións amosa que tedes claro que a protección do medio ambiente é unha responsabilidade colectiva. Vós estades dando exemplo".
O Consello Local da Infancia da Coruña consolídase así como unha ferramenta de participación activa que permite ás novas xeracións achegar a súa visión sobre o presente e o futuro da cidade. "Este pleno non remata aquí: segue cada vez que vos escoitamos, cada vez que facemos realidade unha das vosas propostas", concluíu a rexedora.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible